Inicio Galicia Ethel Vázquez informa da licitación hoxe das obras da 2ª fase de...

Ethel Vázquez informa da licitación hoxe das obras da 2ª fase de posta en valor da Ponte Romana e da mellora da rúa Marcelo Macías, en Ourense, que comezarán en verán

0

Vázquez Mourelle sinala que as empresas interesadas en executar os traballos dispoñen ata o 16 de marzo para presentar as súas ofertas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, salientou a licitación hoxe das obras da 2ª fase de posta en valor da Ponte Romana e do acondicionamento da rúa Marcelo Macías, que comezarán este verán, cun investimento de case 3 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que o Perfil do Contratante da Xunta publica hoxe a licitación destes dous contratos de obras na cidade de Ourense. As empresas interesadas en executar os traballos dispoñen ata o 16 de marzo para presentar as súas ofertas.

Concretou que as obras na rúa Marcelo Macías, cun orzamento de 1,7 M€, consistirán na renovación do firme e dos servizos, así como na mellora das beirarrúas ao longo de 1,3 km.

Sinalou que tamén se aproveitará para facer labores de mantemento no viaduto sobre o río Barbaña, que se dotará de iluminación singular, e na accesibilidade peonil. Engadiu que no referente aos servizos, se renovarán as redes de abastecemento, saneamento e alumeado.

Ademais reforzarase a seguridade viaria con pasos de peóns con iluminación específica.

Puntualizou que todas estas renovacións de servizos supoñen un incremento de custe considerable, por iso foi necesario un compromiso de cofinanciamento do 30% por parte do Concello de Ourense nesta actuación.

Precisou que coa licitación de hoxe, se prevé poder comezar as obras a finais do verán, cun prazo de execución de 12 meses.

Salientou que a 2ª fase da posta en valor da Ponte Romana lle dá continuidade ao proxecto executado no ano 2016 , centrándose na contorna da propia infraestrutura.

Indicou que a Xunta é consciente de que esta ponte non só é o principal símbolo da cidade, senón que tamén forma parte da Vía da Prata, que ten que estar acondicionada para o próximo ano Xacobeo.

Neste sentido, actuarase na zona da oficina de turismo, que será obxecto dunha limpeza e acondicionamento; ou no entorno da Capela dos Remedios, que recuperará a súa integración na parcela orixinal, repavimentando a antesala e mellorando a súa iluminación.

Ademais aproveitarase esa zona para unha mellor conexión co río Miño, tanto peonil, optimizando as conexións da capela coa ponte e co paseo fluvial, como funcional, cun novo miradoiro orientado ao río.

Destacou que as actuacións comezarán pola adecuación dun novo espazo para a práctica de skate no Couto, antes da retirada do actual. As novas instalacións, cuxo deseño foi encargado polo concello a un equipo especialista na materia, buscan mellorar o equipamento que se está empregando na actualidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre