Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca que a Xunta está a investir máis de 60...

Ethel Vázquez destaca que a Xunta está a investir máis de 60 millóns de euros en actuacións para mellorar a seguridade viaria nos concellos de Cangas e Moaña

0

Lembra que o Goberno galego está a impulsar a autovía do Morrazo, cun orzamento de máis de 55 millóns de euros, cuxos dous primeiros tramos se porán en servizo o próximo mes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo esta tarde un encontro de traballo co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, ao que lle trasladou que a Xunta está a investir máis de 60 millóns de euros en actuacións para mellorar a seguridade viaria nos concellos de Cangas e Moaña.

Vázquez Mourelle lembrou que o Goberno galego está a executar a autovía do Morrazo, a infraestrutura viaria de maior investimento autonómico que se está a desenvolver, cun orzamento de máis de 55 millóns de euros.

A Xunta, tal como se veu comprometendo, porá en servizo no vindeiro mes de maio os dous primeiros treitos desta autovía libre de peaxe que resolverá os problemas de capacidade do corredor actual e incrementará a seguridade viaria.

Na liña de aumentar a seguridade nas estradas da comarca, o Executivo autonómico tamén está a impulsar unha estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes, concretamente na estrada entre Marín e Rande (PO-551), cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros.

No próximo mes someterase a información pública o proxecto para actuar no tramo comprendido entre os pp. qq. 21+100 e 23, na parroquia de Tirán, en Moaña, e tamén ao seu paso polo Concello de Cangas. A estratexia tamén contempla un proxecto que se licitará en outono para eliminar outro treito de concentración de accidentes existente entre as travesías de Meira e Domaio.

A Consellería de Infraestruturas continúa a desenvolver o Plan de sendas de Galicia, que para a bisbarra do Morrazo reserva uns 3 millóns de euros para a construción de 8 novos itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe. Neste sentido, no outono licitaranse as obras de execución da senda entre A Moureira e Palmás, tamén na estrada PO-551. Tamén se está a avanzar na redacción do proxecto do itinerario previsto entre Trasouto e A Madalena, no Concello de Cangas.

A Xunta tamén comezará en maio os traballos de mellora do firme e da sinalización horizontal nas estradas PO-315, que une Bueu e Cangas, na PO-551, e na variante de Marín, cunha achega económica de máis de 760.000 euros, tal como recollía o Diario Oficial de Galicia o pasado 20 de novembro.

No que se refire á variante de Cangas, a conselleira indicoulle ao rexedor que cómpre que o Concello clarifique a súa postura en relación ao trazado desta infraestrutura, tendo en conta as últimas noticias sobre posibles cambios previstos no plan urbanístico. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre