Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca que a sociedade de xestión da auga impulsada pola...

Ethel Vázquez destaca que a sociedade de xestión da auga impulsada pola Xunta en apoio aos concellos permitirá a explotación profesional, abaratar custes e garantir a calidade nos servizos municipais

0

Vázquez Mourelle indica que con esta iniciativa se trata de dispor dun instrumento de resposta á dificultade contrastada dos municipios para exercer con eficacia as súas responsabilidades nos servizos de abastecemento, saneamento e depuración


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia que a sociedade impulsada pola Xunta para apoiar aos concellos na prestación dos servizos da auga municipais permitirá a súa explotación e xestión profesional, incidindo no abaratamento dos custes asociados aos mesmos, e garantindo a maior calidade destes servizos.

Vázquez Mourelle, acompañada pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, abordou neste foro a creación da sociedade pública para a xestión do ciclo integral da auga en Galicia, cuxo anteproxecto de Lei está en información pública desde a semana pasada, e ata o vindeiro 5 de novembro, para que as persoas interesadas poidan facer achegas.

Explicou que a Xunta decidiu impulsar está nova sociedade para dar resposta á dificultade contrastada que teñen moitos municipios para exercer con eficacia as súas responsabilidades, competencias que lles outorga a lexislación básica estatal na prestación dos servizos urbanos de abastecemento, saneamento e depuración.

A conselleira explicou que desde a Xunta se quere poñer á disposición dos concellos un instrumento que permita unha explotación e xestión profesional especializada dos servizos da auga, que aproveite as sinerxias e as economías de escala da explotación conxunta, conscientes de que moitos concellos carecen da capacidade técnica e económica para poder facelo.

Trátase, engadiu, de garantir a correcta explotación do ciclo integral da auga en Galicia, a o tempo que tamén para garantir que os servizos esenciais de abastecemento á poboación, de saneamento e depuración se presten coa maior eficacia, eficiencia e calidade.

Por este motivo, abundou, a Xunta trata de activar este instrumento que cumpra a filosofía e as premisas que se teñen marcado coa FEGAMP no pacto Local da auga. Unha nova sociedade, subliñou, na que se agarda a participación, a corresponsabilidade das deputacións.

A conselleira concretou que se trata de crear unha empresa pública similar á que no seu día se puxo en marcha para o tratamento de residuos, en resposta á dificultade contrastada que teñen moitos municipios para exercer con eficacia as súas responsabilidades directas de xestión da auga e de ofrecerlles unha solución conxunta.

Unha “Sogama da auga”, dixo, participada maioritariamente pola Administración autonómica, na que a Xunta será a que achegue sempre máis diñeiro, tanto en comparación cos Concellos, que se poderán adherir de forma voluntaria, como en comparación coas deputacións provinciais, que deben sumarse e implicarse porque é a súa responsabilidade auxiliar ás entidades locais, unha obriga legal que lles corresponde por Lei.

Tamén falou da gran incidencia que ten a prestación dos servizos da auga na calidade de vida dos veciños e no coidado do medio, pero tamén na saúde pública, ou en sectores como a pesca, o marisqueo ou o turismo.

No Consello Reitor de Augas de Galicia participan diferentes departamentos da Xunta, Concellos, a Administración xeral do Estado, os usuarios e organizacións ambientais. O punto principal da orde do día xirou en torno a creación desta sociedade pública para a xestión do ciclo integral da auga en Galicia, porque, tal e como salientou a conselleira, tan importante é facer obras como que a súa explotación e mantemento sexa adecuado, “sendo o gran reto no que debemos implicarnos todos”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre