Vázquez Mourelle salienta a distinción recibida hoxe pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o seu recoñecemento a súa valía e profesionalidade
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu hoxe á entrega de medallas ao mérito colexial, organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, onde destacou o traballo da Xunta para preparar a xestión do ciclo integral da auga ao novo contexto de cambio climático.
Vázquez Mourelle cualificou de especialmente gratificante o recoñecemento á traxectoria de enxeñeiros galardoados coa ‘Medalla ao mérito colexial de Galicia", no que este ano se recoñece a labor da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, entidade dependente do departamento que dirixe a conselleira.
Incidiu na profesionalidade e experiencia da directora do organismo hidráulico da Xunta, así como ao seu empuxe e ao traballo que se está a facer desde Augas de Galicia.
Sinalou como froito dese traballo se está a piques de aprobar a Lei de Garantías de Abastecemento de Auga Potable que é referencia a nivel estatal, e se está a traballar na maior ferramenta para a xestión do ciclo urbano da auga feita nunca en Galicia. Isto a través dunha sociedade pública 100%, e na que os concellos poderán apoiarse nas súas competencias en abastecemento, saneamento e depuración.
Indicou tamén como grazas ao traballo da directora de Augas de Galicia e de todo o seu equipo, a Xunta está avanzando dun xeito importantísimo na mellora da calidade das augas coa construción de novas infraestruturas hidráulicas. E, sobre todo, coa mellora dos grandes esquecidos, a explotación e o mantemento, xa que tan importante como facer unha infraestrutura e conservala e aproveitala ben, remarcou.
Na súa intervención no acto colexial, Ethel Vázquez tamén quixo resaltar a traxectoria do resto de enxeñeiros galardoados este ano, salientando a valía profesional e traxectoria de Mario Barcenilla, Fernando Almeida e Juan Leite.
Tamén aproveitou para dar a benvida aos novos colexiados, aos que se dirixiu animándoos a seguir aportando valor a esta profesión, de moito traballo, pero tamén con moitas satisfacción ao facer posible cousas tanxibles que solucionarán a vida ás persoas e mellorarán o medio ambiente.