Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca o modelo pioneiro da renovación integral do transporte público...

Ethel Vázquez destaca o modelo pioneiro da renovación integral do transporte público en Galicia, grazas ao autobús compartido e baixo demanda que valoran positivamente 3 de 4 cidadáns

0

Vázquez Mourelle destaca que na provincia de Ourense, onde case todas as liñas son compartidas, se prestaron na primeira semana máis de 2.500 destes servizos nun balance xeral de normalidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia a normalidade coa que están a funcionar nas catro provincias as 1.300 liñas de autobús compartido postas en servizo co reinicio este mes do curso escolar.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou o modelo pioneiro da renovación integral do transporte público en Galicia, grazas ao autobús compartido e os servizos baixo demanda, valorados positivamente por 3 de cada 4 cidadáns.

Vázquez Mourelle informou de que na provincia de Ourense, onde case todas as liñas son compartidas, se prestaron na primeira semana do curso de xaneiro máis de 2.500 destes servizos compartidos nun balance xeral de normalidade. Funcionaron a través das 425 liñas integradas que funcionan na provincia e que trasladan aos centros escolares a 8.200 alumnos cada día.

Destacou que para a Xunta os alumnos son a máxima prioridade nestas liñas que utilizan as prazas baleiras dos escolares, polo que todos os servizos contan con acompañante.

Lembrou que os desaxustes puntuais dos primeiros días foron solucionados de inmediato, grazas á colaboración entre as empresas e a Xunta e puntualizou que dende o departamento que dirixe se deron instrucións claras ás empresas para que adoptasen as medidas necesarias para garantir o traslado dos nenos en tempo e forma ás escolas.

Engadiu que as Consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e de Educación están a actuar en total coordinación, mantendo contacto coas direccións dos centros e coas ANPAS, colaborando de forma construtiva para mellorar os servizos no posible.

Tamén recordou que grazas a este plan, uns 1.200 alumnos e unhas 1.000 familias de 5 colexios de Ourense teñen desde o inicio do curso escolar a xornada única que hai tantos anos que viñan demandando.

Boa acollida do autobús compartidoA Xunta ten en marcha esta nova modalidade de transporte dende agosto de 2017 e xa foi utilizada por máis de 300.000 usuarios xerais, con normalidade, sen incidencias salientables.

Puxo en valor a boa acollida que está a ter a modalidade, ata o punto de que na fase participativa á que foron sometidos os contratos, moitos concellos solicitaron a ampliación dos servizos de transporte compartido ao supoñer unha grande oportunidade de mobilidade para os veciños do rural.

A titular de Mobilidade sinalou que o plan aposta por un transporte rural de calidade con estes novos servizos compartidos e a demanda, un modelo no que Galicia é pioneira.

Bonificacións e incentivosOs novos contratos postos en marcha este mes permitirán avanzar na extensión a toda a provincia de Ourense e a toda Galicia das vantaxes do transporte metropolitano, con descontos medios do 50% nas viaxes ou bonificacións adicionais do 15% para usuarios recorrentes e aínda máis se se trata de familias numerosas.

A Xunta, a través do citado plan, activou bonos mensuais de 50 viaxes que xa están en vigor e que supoñen rebaixas de ata o 50% no prezo do billete. Neste sentido, existe, polo tanto, un amplo abano de descontos e bonificacións no transporte público.

Ademais, na vindeira primavera preto de 20.000 mozos ourensáns menores de 21 anos poderán viaxar gratuitamente nos autobuses da Xunta grazas ao emprego da tarxeta ‘Xente Nova’.

Fixo fincapé en que o Executivo autonómico está a traballar arreo para o desenvolvemento total do Plan de Transporte Público de Galicia, para o que a semana pasada se licitaron os 29 contratos pendentes para culminar a renovación integral do transporte público que funcionará na vindeira década.

Tamén, salientou que desde a Xunta se achegarán 740 millóns de euros en 10 anos para garantir que Galicia teña transporte público de calidade, e que os galegos teñan á súa disposición máis e mellores servizos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre