Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca o investimento de 675.000 euros na mellora da sinalización...

Ethel Vázquez destaca o investimento de 675.000 euros na mellora da sinalización e a seguridade viaria nos treitos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo

0

Entre as actuacións destacan os 40 indicadores nos cruces do Camiño coa estrada, que melloran a orientación dos peregrinos e a rehabilitación e ampliación da súa traza en varios puntos, nos concellos de Pedrafita, Triacastela e Samos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 675.000 euros na mellora da sinalización e a seguridade viaria en varios treitos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, coincidentes na súa traza coa estrada autonómica que comunica Pedrafita- Portomarín, a LU-633.

Vázquez Mourelle achegouse hoxe a Triacastela para comprobar o resultado final desta intervención específica de reforzo de seguridade viaria en 5 concellos de Lugo, en distintos tramos nos que o Camiño Francés discorre parello a esta estrada autonómica, en Pedrafita, Samos, Sarria, Portomarín e Triacastela. A conselleira explicou que os traballos iniciados en xuño e rematados a finais de novembro, dous meses antes do previsto, permiten a mellora da sinalización en 40 cruces do Camiño de Santiago coa estrada autonómica, favorecendo a orientación aos peregrinos e que lles sexa máis doado seguir a traza da ruta xacobea.

Tamén se rehabilitou e resolveu o estreitamento da ruta xacobea ao seu paso polos concellos de Pedrafita, Samos e Triacastela. Deste xeito, en Pedrafita do Cebreiro construíuse un muro para poder ampliar o Camiño no treito situado á saída da parroquia de Hospital, e nas saídas de Samos e Triacastela ampliouse a través da execución de 6 treitos de pasarelas de madeira que suman 750 metros. Ademais, durante os traballos executáronse en Triacastela dúas pequenas actuacións complementarias de mellora das marxes da estrada en dous puntos, atendendo as solicitudes do Concello.

Ethel Vázquez avanzou que nunhas semanas o departamento que dirixe licitará a execución dunha nova senda nesta mesma estrada, no contorno da Ponte en Portomarín, coincidindo coa traza do Camiño Francés. O investimento roldará os 285.000 euros, para a súa execución en 2020.

A conselleira tamén adiantou que no último trimestre de 2020 a Xunta porá en marcha o Xacobús, que facilitará que os peregrinos poidan desprazarse desde Santiago a facer calquera etapa do Camiño Francés desde o Cebreiro, ou para tomar ese bus de volta cara a Compostela. Referiuse ás outras as actuacións que está a realizarse desde a Xunta para reforzar a seguridade naqueles puntos nos que os Camiños de Santiago discorren próximos a estradas autonómicas. Entre elas, citou as actuacións de integración paisaxística e mellora dos Camiños á súa entrada en Compostela, en Ourense, na Vía da Prata, en Seixalbo; ou en Pontevedra, no Camiño Portugués, na estrada PO-225.

Este conxunto de medidas e investimentos, tal e como salientou, teñen como obxectivo chegar preparados ao Xacobeo 2021 e aproveitar ao máximo unha oportunidade única para proxectar e reforzar a marca Galicia no exterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre