Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 14 millóns de euros...

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 14 millóns de euros na mellora do saneamento en Rianxo e avanza o inicio a finais de mes das obras de ampliación da depuradora

0

A conselleira salienta que o Goberno galego leva investidos máis de 56 millóns de euros nas actuacións previstas no Plan de saneamento local da ría de Arousa para mellorar a calidade das augas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez destacou hoxe o investimento autonómico de 14 millóns de euros no saneamento e o sistema de depuración de Rianxo, a través das obras en execución do novo colector e tanque de tormentas e a ampliación da depuradora, cuxas obras comezarán a finais deste mesmo mes de xuño, avanzou.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe as obras de execución do novo colector e tanque de tormentas. Unha actuación que, tal e como indicou, se enmarcan na aposta que está a facer a Xunta para apoiar aos Concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e depuración, e nas que se están a investir 6,5 millóns de euros.

Trátase da execución dun novo colector interceptor de maior capacidade que o actual, duns 1.400 metros de lonxitude e dun tanque de tormentas soterrado, que permitirá regular o caudal que chega á depuradora almacenando, fundamentalmente nos días de choiva, as augas antes de ser bombeadas cara á depuradora, a través dun pozo de bombeo que se construirá contiguo ao tanque.

Segundo explicou, esta intervención permitirá mellorar a calidade das augas e avanzar nesa importante tarefa de acadar o saneamento integral da ría de Arousa, ao resolver os problemas actuais, derivados das elevadas infiltracións de auga na rede de saneamento do municipio, que fan que o actual colector chegue saturado ao núcleo urbano, provocando vertidos.

A conselleira avanzou que estas obras do novo colector e tanque de tormentas de Rianxo se verán completadas con outra importante actuación que se iniciará a finais deste mes, como é a ampliación da estación depuradora de augas residuais, á que se destina un orzamento de 7,5 millóns. Destacou que esta ampliación da depuradora permitirá adecuar a capacidade de tratamento ás necesidades reais e solucionar a problemática actual derivada do excesivo volume de augas residuais en rede e da súa carga contaminante.

Ethel Vázquez fixo así fincapé en que ambas actuacións permitirán mellorar o servizo de saneamento e depuración que se lle presta aos veciños de Rianxo e, ao tempo, acadar unha xestión eficaz e eficiente da auga que incidirá na mellora da calidade das augas da ría e na recuperación de zonas costeiras, algo esencial para a pesca, o marisqueo e o turismo da zona.

Referiuse a que estas dúas actuacións están recollidas no Plan de saneamento local da ría de Arousa e que neste caso concreto, dada a lonxitude da costa desta ría e a súa alta ocupación, abordouse o saneamento redactando 5 plans diferentes pero coordinados entre si, entre eles, o Plan de saneamento local de Boiro e Rianxo. E indicou que desde a Xunta se seguen a dar novos pasos para completar o plan de saneamento local da ría de Arousa, con estas dúas novas actuacións aquí en Rianxo.

Finalmente, Vázquez Mourelle abundou na importancia do Plan de saneamento local, onde o de a ría de Arousa foi un dos primeiros en redactarse, e nos que a Xunta leva investido máis de 56 millóns de euros en distintas obras para a mellora da ría de Arousa, E citou a execución de infraestruturas de saneamento e depuración en municipios como Ribadumia, O Grove, Boiro, Cambados ou Ribeira, que ten permitido avanzar no cumprimento da normativa comunitaria e no saneamento integral da ría de Arousa.

A conselleira subliñou a necesidade de que os concellos e as deputacións provinciais se impliquen na correcta explotación e xestión das infraestruturas de depuración e nas redes de saneamento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre