Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca o avance da Xunta nas obras da nova estación...

Ethel Vázquez destaca o avance da Xunta nas obras da nova estación de autobuses de Vigo e pídelle ao Goberno de España que rectifique e impida o bloqueo da intermodal e do centro Vialia

0

Subliña a aposta da Xunta pola estación intermodal de Vigo que, cun investimento global de 18 millóns de euros, supón o maior gasto nas intermodais de Galicia


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, destacou hoxe o avance da Xunta nas obras da nova estación de autobuses de Vigo e pediulle ao Goberno de España que rectifique e impida o bloqueo da intermodal e do Centro Vialia.

Vázquez Mourelle, que supervisou esta mañá a marcha dos traballos da estación de autobuses que a Xunta está a construír ao carón da terminal de ferrocarril e do futuro Centro Vialia, referiuse á importancia que ten por si mesma a construción da nova estación de autobuses, máis céntrica, moderna e funcional que a actual da avenida de Madrid, con 30 dársenas e cunha capacidade para albergar 500 expedicións de autobuses cada día. Pero tamén subliñou a relevancia desta actuación como parte que é dun gran complexo intermodal e comercial, polo que se agarda que pasen 2 millóns de usuarios ao ano, e porque inclúe ademais, cos accesos, unha enorme transformación urbana do contorno.

En palabras da conselleira, “trátase dun proxecto estratéxico para o Goberno galego, para o fomento do transporte público, para o turismo, para dotala de maior competitividade e tamén para contribuír a facer cidade en Vigo”.

Incidiu na implicación da Xunta co seu desenvolvemento desde o principio: coa aprobación da lei autonómica que evitou que Vigo quedase paralizado cando se anulou o Plan Xeral; e co seu compromiso co Concello, primeiro, para cofinanciar os accesos, e despois, para duplicar a achega da Xunta a ese cofinanciamento.

Ethel Vázquez subliñou que esta aposta da Xunta pola estación intermodal de Vigo, tradúcese nun investimento global de 18 millóns de euros, “o maior gasto en todas as intermodais de Galicia, que se está a materializar na construción da nova estación de autobuses, que se atopa a pleno rendemento”, remarcou. As obras contan tamén co cofinaciamento dos fondos europeos FEDER.

Nestes momentos xa están executados os traballos de adecuación da parcela e de preparación dos túneles e, actualmente, os labores céntranse, entre outras tarefas, nos pilotes do túnel de Lepanto, na cimentación da dársena de autobuses e na lousa do túnel de Vialia.

Apuntou que os traballo na estación de autobuses intermodal de Vigo acadan un grado de execución do 20%, porcentaxe alta tendo en conta a complexidade das obras e a necesaria interacción coas outras Administracións do complexo intermodal; dando así cumprimento estrito aos compromisos e aos acordos adoptados co Concello de Vigo e co Ministerio de Transportes.

A titular do departamento de infraestruturas e Mobilidade expresou a seria preocupación do Goberno galego polas expectativas que afronta este gran proxecto no futuro inmediato, dada a complexidade destas obras, na que deben coordinarse os traballos de construción do Centro Vialia, cos da nova estación de autobuses, e os novos accesos, de forma compatible co funcionamento da terminal de ferrocarril provisional.

A Xunta tiña acordado co Concello e co Ministerio un plan de obras e un cronograma que prevía a posta en servizo do Centro Vialia e da estación intermodal en primavera de 2021. E para iso, lembrou a conselleira, o Goberno de España ten que aprobar o cofinanciamento dos accesos, que tiña comprometido facer en xuño, algo que a Xunta segue agardando, xa que onte o Consello de Ministros tampouco o aprobou.

Ethel Vázquez advertiu que, sen esa aprobación, o Concello non pode empezar as obras dos accesos que agardan desde marzo. E, de forma encadeada, engadiu, as obras da estación de autobuses probablemente teñan que pararse, o que suporá que nin o Centro Vialia nin o complexo intermodal de Urzaiz poderán estar funcionando en 2021.

A conselleira asegurou que desde o Goberno galego non se atopa a explicación a esta situación, que é gravemente prexudicial para os intereses de Vigo e para a reactivación económica.

Puxo o acento en que a covid-19 non pode ser escusa para abandonar os compromisos do Goberno de España con Vigo, como tampouco poden ser escusa para suprimir para suprimir os servizos ferroviarios en Galicia, que no caso do Eixo Atlántico alcanzan unha redución do 40%, nin para aparcar outro proxecto fundamental para a cidade: a Saída Sur.

Por iso, reiterou a demanda ao Goberno de España para que rectifique, e evite a paralización da estación intermodal e do Centro Vialia de Vigo, como tamén demanda ao alcalde que se poña do lado da súa cidade e alce á voz ao carón da Xunta para que o Ministerio de Transportes cumpra os seus compromisos con Vigo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre