Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca a licitación hoxe da redacción do proxecto de mellora...

Ethel Vázquez destaca a licitación hoxe da redacción do proxecto de mellora da Estrada OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa

0

Vázquez Mourelle detalla que o contrato conta cun orzamento de 200.000 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súa ofertas ata o 14 de xaneiro

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez destacou a licitación hoxe da redacción do proxecto de mellora da estrada OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.

A conselleira e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron hoxe no municipio de Lobios unha xuntanza cos alcaldes de Bande, Entrimo, Lobeira, Muíños e a rexedora de Lobios, para abordar de primeira man o proxecto e os prazos previstos antes de presentalo publicamente.

Vázquez Mourelle informou que o contrato deste proxecto, que completará o eixe de comunicación Ourense – Celanova – Fronteira portuguesa coa mellora da estrada desde Celanova ata Lobios, conta cun orzamento de 200.000 euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 14 de xaneiro, tal e como recolle a publicación na Plataforma de Contratos de Galicia. Explicou que o proxecto de actuación nesta estrada vai incluír a intervención en varios treitos para aumentar a súa capacidade coa execución de novos terceiros carrís de adiantamento. Isto, sinalou, vai supoñer unha mellora cualitativa para os case 7.000 veciños da Baixa Limia que diariamente percorren a mesma, cun volume de tráfico diario de entre 1.500 e 2.500 coches, e que se incremente considerablemente no mes de agosto ata preto dos 4.000. Concretou que dos 34 km que separan a saída da autovía en Celanova Sur e a ponte de Lindoso, practicamente 8 disporán dun novo terceiro carril de adiantamento, o que unido aos terceiros carrís xa existentes, farán que 15 km, o 44% do percorrido, conten con terceiro carril de adiantamento.

A isto hai que engadir a mellora do trazado, sumando 4 quilómetros e medio de rectificacións de curvas.

Un proxecto que a conselleira cualificou de ambicioso e cuxa execución supón un investimento da orde dos 9 millóns de euros, e que, tal e como salientou suporá unha importante mellora nas comunicacións interiores da Baixa Limia e nas súas conexións con Celanova e Ourense.

Ethel Vázquez subliñou que cumprindo cos prazos previstos na Lei de contratos públicos, o departamento que dirixe prevé poder asinar o contrato antes do verán e comezar os traballos de redacción do proxecto, con obxectivo de someter a información pública a efectos expropiatorios e iniciar a tramitación ambiental no propio ano 2020 e, a continuación, aprobar o proxecto e iniciar a contratación das obras.

Puxo o acento na acción da Xunta na construción e mellora da mobilidade por estrada dos galegos e galegas en condicións de seguridade, nun tempo no que se fala moito das subidas das peaxes das autoestradas e mesmo se poden escoitar plantexamentos de implantar pagos por uso nas autovías estatais hoxe gratuítas.

Deste xeito, lembrou que desde 2009 a Xunta leva posto en servizo 220 km de vías de altas prestacións sen unha soa peaxe, das que case 40 foron na provincia de Ourense. Aquí apuntou que, practicamente a metade deles beneficiaron directamente á Baixa Limia, coa posta en marcha da autovía entre Ourense e Celanova Sur, que supuxo 18,7 km dunha vía deseñada cun altísimo estándar de calidade e un investimento de máis de 120 millóns de euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre