Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca a adxudicación das obras do centro integral de Saúde...

Ethel Vázquez destaca a adxudicación das obras do centro integral de Saúde no barrio da Residencia de Lugo, que comezarán a principios de 2020 cun investimento duns 12 millóns de euros

0

Vázquez Mourelle salienta que a licitación e adxudicación deste centro integral de saúde, que será o primeiro de Galicia, supón o maior investimento público na cidade de Lugo no ano 2019


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou hoxe o barrio lucense da Residencia, onde avanzou o inicio a principios de 2020 das obras do que será o primeiro centro integral de saúde de Galicia, adxudicado por un investimento duns 12 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, indicou que esta actuación foi adxudicada á empresa Acciona e terá un prazo de execución de 20 meses.

Subliñou que a licitación e adxudicación do centro integral de saúde supón o maior investimento público na cidade de Lugo no ano 2019.

Trátase dun edificio de máis de 8.000 metros cadrados, distribuídos en 6 plantas que contará con centro de Saúde, PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061.

Esta intervención forma parte da recuperación dos edificios públicos do Barrio da Residencia que está a impulsar a Xunta para dotar á cidade de máis e mellores servizos públicos e mellorar este entorno urbano con zonas verdes e espazos para os veciños.

A conselleira concretou que no marco desta iniciativa, o Goberno galego tamén está desenvolvendo servizos vinculados ao fomento do emprego a través de edificios como o centro de emprendemento, o de emprego ou a central de biomasa, que está impulsando a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Engadiu a construción de novos equipamentos socio sanitarios como unha nova residencia da 3ª idade, que está a promover a Consellería de Política Social. Precisou que incluirá a dotación da zona de aparcamento de todo o ámbito, con máis de 100 prazas baixo a futura residencia.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que para completar esta intervención no barrio da Residencia é precisa a implicación do Concello de Lugo e intervir de xeito acorde nas rúas adxacentes a este ámbito, prevendo unha mobilidade axeitada para cando os novos servizos entren en funcionamento.

Subliñou que o Executivo autonómico está a promover a recuperación dun barrio emblemático da cidade de Lugo, poñendo arredor de 21.000 metros cadrados a disposición dos veciños, con novos servizos e equipamentos que mellorarán a súa calidade de vida.

Concluíu que tamén se está a humanizar o contorno, favorecendo a accesibilidade e o lecer, xa que con este proxecto integral vanse conectar dúas áreas da cidade con zonas verdes pensadas para o desfrute dos cidadáns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre