Inicio Galicia Ethel Vázquez demanda que o Ministerio de Fomento autorice a conexión da...

Ethel Vázquez demanda que o Ministerio de Fomento autorice a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 e facilite que esa conexión sexa libre de peaxe

0

Vázquez Mourelle destaca o investimento de 40 millóns de euros que está a realizar a Xunta nesa infraestrutura necesaria para a mobilidade, a seguridade viaria e a competitividade da área metropolitana da Coruña

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou hoxe que o Ministerio de Fomento autorice a conexión da Vía Ártabra coa AP-9 e facilite que ese acceso sexa libre de peaxe. A prolongación desa infraestrutura que está a executar a Xunta é, segundo salientou, unha actuación fundamental para completar a funcionalidade dos treitos xa en servizo, que supuxeron un investimento de 70 millóns de euros durante os peores anos da crise, e, ao mesmo tempo, resulta imprescindible para chegar a conectar esa infraestrutura coa A-6.

A conselleira destacou que a prolongación da Vía Ártabra é a maior licitación de estradas da Xunta, pagada con fondos propios e vía orzamentaria, en case unha década. Trátase dun investimento de 40 millóns de euros destinado a mellorar a mobilidade, a seguridade viaria e a competitividade da área metropolitana da Coruña.

Explicou que a prolongación está planificada por fases para ir avanzando nesta infraestrutura, mentres non se dispón da autorización necesaria do Ministerio de Fomento para a conexión na autoestrada.

Neste sentido, para non demorar máis esta actuación, a Xunta decidiu avanzar nun 1º treito, entre a N-VI e a estrada autonómica AC-221, xa en obras desde o mes de agosto. Precisou que se incluíu nesa licitación a previsión de conectar directamente a Vía Ártabra coa AP-9.

A intervención prevé a construción dunha glorieta sobre a que cruzará a nova autovía mediante un viaduto e desde esta se accederá ao polígono do Espíritu Santo a través dunha estrada de nova construción cunha lonxitude dun quilómetro.

Vázquez Mourelle concretou que os tres novos quilómetros de autovía libre de peaxe e un de conexión co polígono do Espíritu Santo farán que os veciños vexan mellorada a súa mobilidade e suporán un beneficio para os parques empresariais de Bergondo ou Iñás.

A prolongación da Vía Ártabra permitirá un aforro de tempo do 33% no percorrido entre Oleiros e A Coruña, supoñendo unha mellora das comunicacións dos veciños e un incremento da competitividade de toda esa área.

Este proxecto non só repercute no Concello de Cambre, senón que beneficia, de forma directa, a toda a poboación ao norte da N-VI como Oleiros, Sada, Bergondo e Betanzos e indirectamente á comarca de Ferrol, que disporá dunha alternativa no treito máis saturado.

Subliñou que os empresarios dos polígonos de Bergondo e Espíritu Santo manifestaron o seu apoio á actuación, ao entender que suporá unha mellora na conectividade das súas áreas industriais.

Non obstante, os empresarios tamén manifestaron a súa preocupación por se o Ministerio de Fomento impón o cobro da peaxe na conexión coa AP-9, polo que a conselleira instou ao departamento estatal a responder a esa inquedanza.

Garantías ambientais e seguridade viariaEthel Vázquez puxo en valor que o proxecto da Vía Ártabra cumpre todas as normativas e adáptase aos requirimentos das autoridades ambientais, que o informaron favorablemente, pois do contrario non podería estar en execución.

Recordou que o trazado que está en execución foi aprobado, e tamén a declaración de impacto ambiental emitida, polo anterior Goberno bipartito. Así, o actual Goberno desenvolveu un proxecto construtivo a partir deste trazado e para maior garantía, someteuno de novo a información pública.

Fixo fincapé en que o trazado desta vía non responde a unha decisión política, senón a unha técnica, xa que hai completa seguridade de que o mellor trazado é o que conectará a Vía Ártabra coa AP-9 na zona da Gándara, de acordo a criterios obxectivos de seguridade viaria e de menor impacto territorial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre