Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que os usuarios do polígono da Matela, en Outeiro...

Ethel Vázquez avanza que os usuarios do polígono da Matela, en Outeiro de Rei, terán á súa disposición neste outono unha senda segura e sostible grazas a un investimento de 350.000 euros

0

A senda peonil, cuxas obras se iniciaron hai un mes, estase a executar pola marxe esquerda da estrada, entre as dúas glorietas de acceso ao polígono


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez avanzou esta mañá que os usuarios do polígono industrial da Matela, en Outeiro de Rei, terán á súa disposición neste outono unha senda segura e sostible, grazas a un investimento da Xunta de preto de 350.000 euros.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, supervisaron esta mañá as obras da senda peonil que o Goberno galego está a executar na marxe esquerda da estrada autonómica LU-115, entre as dúas glorietas que dan acceso ao parque empresarial da Matela.

Partindo da vía de servizo existente, estase a habilitar un itinerario peonil de 2,5 metros de ancho e unha plataforma de formigón de cor area. A senda, cunha lonxitude de 245 metros, transcorrerá, en parte, como unha pasarela sobre a vía do ferrocarril adosada ao paso superior existente.

Segundo explicou Ethel Vázquez, un dos obxectivos principais da actuación é “salvar a división entre as dúas zonas do parque empresarial” que crea a liña de tren que enlaza A Coruña e Palencia. Para iso instalarase unha pasarela metálica de case 17 metros de lonxitude e 2,30 metros de ancho que incluirá a colocación dunha mampara antivandálica de 2,50 metros de alto, para reforzar a seguridade viaria.

A actuación inclúe a construción de muros de granito para paliar os desniveis existentes e para acadar a altura precisa para salvar o paso sobre a vía do tren, ademais de elementos de drenaxe para a correcta evacuación das augas e a renovación da sinalización, tanto horizontal como vertical.

As obras iniciáronse hai un mes e contan cun prazo de execución de 8 meses, pero a titular de Infraestruturas adiantou que a previsión é que estean totalmente rematadas e á disposición dos veciños e dos usuarios do polígono neste outono.

Ethel Vázquez destacou, ademais, “a importancia e o beneficio” que a senda reportará á mobilidade no contorno empresarial de Outeiro de Rei, cun itinerario peonil “perfectamente integrado” que achegará “accesibilidade e seguridade viaria”, favorecendo que se realicen desprazamentos a pé “de forma sostible e saudable, pero tamén sen correr riscos”.

Plan de sendas da comarca de LugoO itinerario de Outeiro de Rei forma parte do Plan de sendas da comarca de Lugo que está a desenvolver a Xunta e que prevé a execución de 6 sendas que suman un investimento de preto de 3 millóns de euros.

Segundo detallou Ethel Vázquez, o plan está “en pleno desenvolvemento”, cunha das sendas xa rematadas: a de Friol, na LU-232. Ademais, outras 4 sendas están en execución: esta da LU-115 en Outeiro de Rei; a de Portomarín, na estrada autonómica LU-633; a de Lugo, na LU-612; e a de Láncara, na LU-621; e estase a ultimar o proxecto para a senda prevista no concello de Rábade.“Estamos a traballar con intensidade para que esta comarca de Lugo avance cara a unha mobilidade máis cómoda, sostible e segura, poñendo á disposición dos veciños itinerarios que faciliten os seus desprazamentos cotiáns”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre