Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que o Plan de transporte público que empezará a...

Ethel Vázquez avanza que o Plan de transporte público que empezará a funcionar en agosto porá en marcha paradas seguras en horario nocturno en case 2.000 liñas de autobús de Galicia

0

Destaca tamén a posta en marcha de liñas con horarios nocturno e adaptadas ás quendas de grandes centros de traballo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o Plan de transporte público que comezará a funcionar o vindeiro mes de agosto permitirá a posta en marcha de ‘paradas seguras’ en horario nocturno en case 2.000 liñas de autobús de Galicia. Poderán beneficiarse desta medida as mulleres, as persoas maiores, os menores que viaxen solos e os viaxeiros con mobilidade reducida.

Ademais, está previsto o funcionamento de varias liñas con horarios nocturnos e con horarios adaptados ás quendas de determinados grandes centros de traballo.

A conselleira compareceu hoxe a petición propia no Parlamento galego para informar dos avances no proceso de renovación do mapa de servizos de autobús interurbano de Galicia, unha planificación que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que culminará este ano.

Esa modernización do transporte público galego seguirá o camiño iniciado en agosto de 2017, cando as renuncias das empresas a seguir prestando boa parte dos servizos de autobús de Galicia obrigaron á Xunta a pór en marcha un novo plan de servizos con vixencia temporal ata o vindeiro verán, e que agora afronta unha renovación de maior profundidade e que se estenderá ao conxunto da Comunidade autónoma.

Segundo explicou, a primeira parte do novo mapa de liñas está xa en información pública desde o pasado 1 de febreiro e durante todo o mes, co obxectivo de que todos os interesados presenten alegacións que contribúan a mellorar e enriquecer os servizos de transporte. Trátase de un total de 100 contratos de explotación a través dos cales se prestarán, desde o vindeiro 7 de agosto, 1.917 liñas de autobús na nosa Comunidade.

Mentres tanto, avánzase na definición das liñas restantes, que se someterán a información pública a máis tardar no mes de xuño e comezarán a funcionar no mes de decembro.

Ethel Vázquez explicou que estas primeiras liñas suporán xa unha importante mellora con respecto á situación previa, pois supoñen que os autobuses percorran 28 millóns de quilómetros cada ano, o que supón duplicar a cobertura territorial do transporte.“O transporte público chegará a sitos aos que antes non chegaba”, afirmou a conselleira, quen apuntou que isto será posible grazas á extensión do modelo de autobús compartido que se puxo en marcha en 490 liñas en 2017, e que chegará agora ata 1.438 liñas, nas que se permitirá o uso das prazas baleiras por parte do resto da poboación.

En total, no vindeiro curso será compartido o 35% do transporte de escolares da Comunidade, e, cando o Plan de transporte público se complete, esa porcentaxe se elevará, previsiblemente, ata o entorno do 55%. E, en todos eles, a prioridade continuará a ser a atención dos escolares, blindando a atención das necesidades dos alumnado en canto a horarios e paradas e garantindo a presenza dun acompañante en todas as liñas.

Así mesmo, e tamén co obxectivo de favorecer a mobilidade da poboación rural e para evitar que os autobuses circulen baleiros polas estradas, reforzarase tamén a modalidade do transporte baixo demanda, que se aplicará en 1.038 liñas, fronte ás 492 actuais. Así, as persoas que o desexen poden reservar previamente a súa praza nun servizo de transporte público a través da plataforma www.bus.gal, da central de chamadas ou das plataformas móbiles que se están a desenvolver.

Para o funcionamento das novas liñas de transporte serán necesarios máis de 1.000 autobuses, tal e como reflicten os contratos que se atopan en proceso de información pública.

A conselleira sinalou que os contratos están dimensionados para facilitar a participación no proceso do tecido empresarial de transporte de Galicia, caracterizado pola abundancia de pequenas e medianas empresas. Desa forma, o 63% dos contratos precisan dunha frota de 10 ou menos autobuses.

Así mesmo, o Plan de transporte público reflicte a preocupación da Administración autonómica por blindar o emprego no sector, traducíndose en consolidación e creación de novos postos de traballo: estímase que serán necesarios 1.113 condutores que terán asegurada a súa subrogación e preto de 900 acompañantes das rutas con escolares.

E no relativo aos termos económicos, Ethel Vázquez detallou que estes primeiros 100 contratos supoñen un volume de negocio de 600 millóns de euros nos seus 10 anos de vixencia, é dicir, 60 millóns de euros ao ano dos cales 45 millóns serán achegados pola Xunta e o resto se corresponde con previsión de ingresos, fundamentalmente por venda de billetes.

Aposta pola calidade do transporte públicoNa súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade insistiu en que este Plan de transporte segue a filosofía aplicada en 2017 para a súa mellora e co obxectivo de acadar unha maior calidade no transporte público de Galicia.

Precisamente a calidade será o elemento máis determinante na adxudicación dos novos contratos, de tal forma que na puntuación das ofertas, os criterios de calidade suporán un 65% da valoración.

Avanzou que se porá en marcha unha tarifa homoxénea por quilómetro para toda Galicia, de tal forma que “un usuario que percorre 10 quilómetros en Valdeorras pague o mesmo que o que fai eses mesmos quilómetros na Coruña ou en Vigo”.

Ademais, de forma progresiva desenvolverase a posta en marcha dunha área única de transporte que estenda os beneficios do Plan de transporte metropolitano a todas as liñas interurbanas de Galicia. Esta iniciativa, salientou Ethel Vázquez, levará grande vantaxes sociais a todo o territorio, especialmente ao rural, onde a poboación se poderá beneficiar de importantes medidas sociais.

Así o uso da tarxeta TMG para o pago do billete suporá un desconto do 10% con respecto ás tarifas xerais xa desde o primeiro día, con bonificacións extra por recorrencia, e todos os menores de 19 anos poderán empregar a tarxeta Xente Nova para viaxar de balde.

De forma complementaria, a conselleira subliñou que os contratos tamén prevén tarifas bonificadas para os principais percorridos que non se paguen con tarxeta TMG, así como a posta en marcha de diferentes tipos de bonos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre