Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que este verán a pequena praza do Obradoiro de...

Ethel Vázquez avanza que este verán a pequena praza do Obradoiro de Conxo e o novo aparcadoiro estarán a disposición dos veciños e peregrinos que accedan a Compostela polo Camiño Portugués

0

Vázquez Mourelle sinala o progreso nos traballos na rúa Benéfica, onde ao pasar o Nadal comezarase coa pavimentación, para continuar coa execución dunha senda de ancho mínimo de 3 metros na marxe esquerda cara ao centro e á Catedral

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de integración paisaxística do Camiño de Santiago ao seu paso polo núcleo de Conxo de Abaixo, onde avanzou que este verán a pequena praza do Obradoiro e o novo aparcadoiro estarán a disposición dos veciños e peregrinos que accedan a Compostela polo Camiño Portugués.

Vázquez Mourelle amosou sobre o terreo os progresos na reordenación neste itinerario da ruta xacobea. Os traballos, iniciados a principios de outubro e cun prazo de execución de 9 meses, acadan neste intre un grado de execución que rolda o 12%, e supoñen un investimento autonómico de 2 millóns de euros.

Explicou o desenvolvemento das actuacións, comezando polas obras que se están a acometer na rúa Benéfica, onde xa se abriron as gabias para a canalización dos servizos de electricidade e saneamento. E onde ao pasar o nadal comezarase coa pavimentación.

Concretou que a intervención nesta rúa centraranse na súa reordenación para asegurar un paso mínimo de 3 metros para o tránsito de veciños e peregrinos, habilitando unha senda pola marxe esquerda -sentido avance cara ao centro de Santiago e á Catedral-, con arborado e novo alumeado. Tamén se reorganizarán os aparcadoiros, procurando compensar as prazas na marxe contraria e reubicaranse as paradas de autobús que sexa necesario para garantir o espazo da senda.

Ademais, engadiu, na Travesía de Torrente e ata a rúa da Escurridía, repararase o pavimento e mobiliario, non só na traza do Camiño senón en todo o rueiro.

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta puxo o acento na actuación máis destacada neste barrio na Praza fronte ao mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que permitirá dispor a Conxo dunha pequena praza do Obradoiro. A mesma se estenderá ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde e manterá as árbores existentes e o cruceiro no seu lugar actual.

Detallou que nesta intervención tamén se despexará a contorna para poñer en valor a fachada do mosteiro e facer esa gran praza, homoxénea a continua, unificando o nivel das dúas entradas principais ao edificio. E dixo que para darlle esa dimensión máis humana limitarase o tráfico de subida, agás para residentes e transporte público.

E reordenarase a zona de carga e descarga e as paradas de bus.

Ethel Vázquez lembrou que para compensar o espazo de estacionamento, e cumprindo co comprometido cos veciños, executarase un novo aparcadoiro de 82 prazas a carón do centro de saúde.

Aquí adiantou que as obras do novo aparcamento, licitadas en outubro e agora en avaliación de ofertas, iniciaranse o vindeiro mes de febreiro, de xeito que se poidan acompasar co resto das obras no itinerario da ruta xacobea ao seu paso polo núcleo de Conxo de Abaixo. Isto permitirá ter rematado en xuño o conxunto das obras.

A conselleira salientou que agora mesmo, no marco estratexia da Xunta para poñer en valor as entradas das rutas xacobeas en Compostela, estase a traballar nos tres Camiños, con obras no Francés, no Monte do Gozo; no Inglés, no Tambre; e no Portugués, en Conxo. E anunciou que á volta do nadal iniciaranse as obras no cruce de Concheiros e en Tangueiro-San Lázaro, no Camiño Francés.

En definitiva, concluíu, a Xunta segue avanzando, cada vez a un ritmo máis intenso, na integración paisaxística dos Camiños á súa entrada en Santiago, con 10 millóns de investimento autonómico, para preparar Compostela para o Xacobeo 2021, pero tamén, para Facer Cidade, pensando nos veciños.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre