Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que a Xunta abordará a vindeira semana coa Comisión...

Ethel Vázquez avanza que a Xunta abordará a vindeira semana coa Comisión Europea a modernización do treito galego do Corredor Atlántico de Mercadorías por ferrocarril

0

Vázquez Mourelle lamenta que o Ministerio de Fomento non teña aínda un plan director completo para mellorar a rede ferroviaria de mercadorías de Galicia, aproveitando os fondos do mecanismo Conectar Europa

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, interveu hoxe no encontro organizado polo Foro Empresa de Pontevedra, no que salientou que a Xunta abordará a vindeira semana coa Comisión Europea a modernización do treito galego do Corredor Atlántico de Mercadorías por ferrocarril.

Vázquez Mourelle explicou que na industria actual e na do futuro, a loxística é un factor clave, polo que é fundamental que a comunidade se posicione como un territorio loxístico intermodal.

Lamentou que o Ministerio de Fomento non teña aínda un plan director completo para mellorar a rede ferroviaria de mercadorías de Galicia, aproveitando os fondos do mecanismo Conectar Europa. Engadiu que esta falta de avances pode supor o risco de perder a oportunidade de acadar os fondos para modernizar a rede ferroviaria de mercadorías.

Lembrou que a alianza entre Galicia, Asturias e Castela e León, da man dos principais axentes económicos, sociais e institucionais, acadou a inclusión do noroeste no Corredor Atlántico de Mercadorías. Así, en marzo confirmouse que o Corredor se ampliaría ata Galicia entrando por Monforte, continuando por Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña.

Non obstante, indicou que o Ministerio presentou un ‘power point’ que non satisfai as necesidades de Galicia, pois mentres as actuacións para o o Corredor Mediterráneo superaban os 18 M€ por km, no Corredor Atlántico a Galicia non acadan 1,6 M€/km.

Concretou que o documento non contempla solucións ás fortes pendentes do alto de Manzanal, en Ponferrada; previsión da vía dobre nun futuro; variantes de poboación en Monforte ou Betanzos para eliminar a necesidade de inversión de marcha; ou a conexión coa Plisan, que está chamada a ser a capital loxística do sur de Galicia.

Engadiu outras eivas da planificación como a saída sur de Vigo para dar mellor conexión ferroviaria a todo o Eixe Atlántico con Ourense e o resto de España e tamén con Portugal, posto que sigue constituíndo unha conexión ferroviaria fundamental.

Detallou que cómpren uns 2.000 M€ para a liña Palencia – Ourense – Vigo – Pontevedra – Coruña e o Ministerio fala dun plan que non chega aos 500.

Subliñou que Galicia ten potencial industrial, portos, plataformas loxísiticas intermodais planificadas ou executadas e estradas de calidade, elementos que deben ser aproveitados como oportunidades.

Precisou que son necesarios trens eficientes e fiables con velocidades medias de 100 km/h e lonxitudes de 750 metros, pois entre mover os actuais de 400 metros e os de case o dobre de tamaño, a diferenza de custe é moi baixa e, polo tanto, o rendemento moito maior.

EstradasA titular de Infraestruturas tamén abordou a importancia das estradas no desenvolvemento económico da comunidade. Así, en relación á AP-9, subliñou que as peaxes subiron 5 veces máis que o IPC, mentres que noutras comunidades están a baixar.

Reiterou que as obras na mesma se deben financiar con cargo aos Orzamentos do Estado e lembrou que a Xunta propuxo un calendario de pagos que encaixaría a achega dentro dos niveis de investimento estatais en Galicia que viñan sendo habituais nos últimos anos.

Tamén recordou que cómpre liberar a peaxe de Redondela e que se implanten medidas de abaratamento das peaxes para os usuarios frecuentes, algo no que a Xunta xa está traballando para as vías autonómicas, cun abaratamento dun 50% para os desprazamentos en horarios nocturnos.

Sinalou a importancia dunha vía alternativa á AP-9 libre de peaxe, comezando polos lugares onde é máis necesaria a súa construción como é Pontevedra. Defendeu a execución da A-57, pero cun trazado socialmente sostible.

Ademais, adiantou que o seu departamento, despois de moitas dificultades para conseguir definir o entronque coa estrada nacional, xa ten o proxecto da Variante de Alba moi avanzado e en cuestión de semanas comezará o trámite ambiental e a información pública.

Trátase dunha vía que permitirá conectar a N-550 coa estrada de Vilagarcía por un traxecto moito máis curto, sen limitacións de gálibos, e sen cruzar ningunha localidade, o que suporá unha mellora para os transportes pesados.

Estacións intermodaisEthel Vázquez explicou que a Xunta leva tempo traballando en instalacións que preparen a Galicia para a chegada do AVE. Neste sentido, indicou que ao igual que nas mercancías, no transporte de pasaxeiros a intermodalidade tamén é o futuro.

Sinalou que actualmente hai 3 estacións intermodais xa en obras na comunidade. Concretou que en Pontevedra, o Goberno galego xa ten en contratación a 1ª fase do proxecto de mellora da intermodalidade, ao que se destinarán máis de 6 M€ para permitir cambiar de tipo de transporte dun xeito cómodo, ao tempo que se mellora o contorno urbano das estacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre