Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que a vindeira semana a Xunta porá en servizo...

Ethel Vázquez avanza que a vindeira semana a Xunta porá en servizo a modernización da potabilizadora de Pontedeume que garantirá a calidade da auga nas próximas décadas

0
image_gallery.jpg

Vázquez Mourelle explica que este mesmo xoves estarán rematadas as obras de instalación dunha cámara de mestura para optimizar os equipos da planta municipal e, seguidamente, procederase á instalación do novo equipamento


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a vindeira semana entrarán en servizo ao 100 % as obras de modernización que a Xunta de Galicia está a acometer na potabilizadora de Pontedeume e que permitirán garantir a calidade da auga nas próximas décadas.

Vázquez Mourelle explicou que este mesmo xoves quedará finalizada a instalación, na estación de tratamento de auga potable municipal, da cámara de mestura, previa ao actual tratamento, que está a executar Augas de Galicia para optimizar os equipos da planta municipal.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou que, coa declaración de emerxencia sobre o río Eume e o abastecemento de Pontedeume realizada o pasado día 13 de outubro pola Xunta cun investimento de 1,5 millóns de euros, se están a ultimar as obras para asegurar o abastecemento ao concello de Pontedeume e a calidade da auga no río.

Explicou que actuar na potabilizadora resultou ser a medida máis eficiente, rápida e eficaz para restablecer os parámetros da auga, polo que o Goberno galego destinou a maior parte do citado orzamento a paliar as limitacións de tratamento que se detectaron na planta municipal.

Salientou que ademais destas actuacións extraordinarias, a Xunta está a impulsar outras obras en materia de augas que beneficiarán ao municipio de Pontedeume, cun orzamento de 8,5 millóns de euros. Deste xeito a Xunta mobiliza un investimento autonómico de 10 millóns de euros en materia de augas que beneficiará aos veciños deste municipio.

Entre estas obras proxectadas, a conselleira citou a dotación dun novo colector en Pontedeume, así como a renovación do colector de Cabanas e a construción dun tanque de tormentas neste mesmo concello.

Inmediatez, responsabilidade e contundenciaA responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que o Goberno galego actuou con inmediatez, responsabilidade e contundencia, apoiando ao Concello desde o primeiro momento, coa adopción de medidas necesarias, tanto no río como na potabilizadora.

Precisou que se dispuxeron barreiras de contención no punto de captación do abastecemento no río para mitigar a turbidez e se aplicaron tratamentos físico-químicos na estación de tratamento para mellorar os parámetros da auga.

A estas intervencións, Augas de Galicia sumoulle a intensificación do seguimento da calidade da auga no río e no encoro con respecto ao control que se viña facendo. A raíz do episodio de turbidez, ampliouse o alcance das analíticas a 2 puntos no encoro e 5 no río.

Ethel Vázquez remarcou que o episodio non supuxo, en ningún momento, toxicidade na auga nin danos á fauna nin afección aos moluscos na ría, tal como confirman as análises técnicas das Consellerías de Medio Ambiente e do Mar, respectivamente.

A iniciativa da Xunta e co obxectivo de trasladar aos actores implicados toda a información sobre o episodio de turbidez nas augas do Eume, creouse unha Comisión de Seguimento, integrada por técnicos de Augas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e do Intecmar, a xestora do encoro, a concesionaria do abastecemento e os Concellos de Cabanas e Pontedeume.

Adiantou, ademais, que esta mesma semana se celebrará unha nova xuntanza desta Comisión para dar conta da evolución da situación e das actuacións executadas por Augas de Galicia.

A conselleira lembrou que o Executivo autonómico abriu unha investigación, desde o primeiro momento, á empresa xestora do encoro e incoou un expediente sancionador por incumprir os requirimentos efectuados por Augas de Galicia e non seguir as directrices de explotación.

Asegurou que, no marco do expediente aberto, a Xunta lle imporá á empresa que explota a presa a sanción que corresponda, en función da valoración dos danos ocasionados, e tamén lle repercutirá todos os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento.

Ente de xestión da auga  Ethel Vázquez apuntou que as restricións no abastecemento que sufriron os veciños de Pontedeume evidenciaron a dificultade de moitos concellos para prestar axeitadamente os servizos da auga.

Neste sentido, a conselleira defendeu a constitución dunha sociedade pública de apoio aos municipios, unha “Sogama da auga”.

Trátase de pór á disposición dos municipios unha xestión máis profesional e especializada dos servizos de auga, ofrecerlles solucións para exercer as súas competencias e garantir tarifas igualitarias nestas prestacións.

Destacou que esta sociedade estaría participada maioritariamente pola Xunta e poderíanse adherir de forma voluntaria os concellos, coa implicación da correspondente deputación provincial.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na necesidade de facer unha reflexión sobre a correcta xestión dos servizos da auga por parte dos concellos e convidou ás distintas administracións a sumarse a esta iniciativa da Xunta para mellorar os servizos da auga que desde os concellos, que son os que teñen competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento, se lles presta aos cidadáns. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre