Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista na AC-116 permitirá...

Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista na AC-116 permitirá dispoñer este mesmo ano dun itinerario continuo de 5,5 quilómetros ao longo desta estrada no municipio de Valdoviño

0

Habilitaranse 2,8 km de sendas na marxe dereita desta estrada, entre Riobó e Meirás, que suporá un investimento superior aos 800.000 euros


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o itinerario peonil e ciclista na estrada que comunica Valdoviño e Ferrol, a AC-116, no que a Xunta está a investir máis de 800.000 euros, estará á disposición dos veciños este mesmo ano e permitirá contar cun itinerario continuo de 5,5 km ao seu paso por este municipio.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, supervisou hoxe o avance das obras que está a executar a Xunta pola marxe dereita da estrada AC-116, no treito comprendido entre Riobó e Meirás.

Trátase de habilitar 2,8 km de sendas, partindo do límite municipal co concello de Narón e desde a travesía de Meirás ata Lago. Unha actuación, en palabras da conselleira, “importante para Valdoviño e para os seus veciños, para facer máis doados, cómodos e seguros os desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, da xente”.

A conselleira referiuse aos traballos que xa están executados nun treito de senda en Meirás, desde onde se atopa a panadería cara a Lago, e ás actuacións de saneamento e drenaxe necesarias que están a levar a cabo nestes momentos.

Destacou que a nova senda completará un itinerario peonil continuo ao longo da AC-116, en Valdoviño. Coas novas sendas que se están a executar, e tendo en conta as beirarrúas existentes, quedará conectado o paseo da lagoa da Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ethel Vázquez lembrou ademais que, atendendo á solicitude do Concello, se vai reformar a intersección do acceso á lagoa, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda e executando un paso de peóns, priorizando á circulación peonil. Os vehículos poderán facer o xiro na glorieta existente apenas 300 metros.

O novo itinerario que se está a executar en Valdoviño forma parte do Plan de Sendas para a comarca de Ferrol, que prevé a execución de 6 sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, cun investimento superior aos 4 millóns de euros. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ethel Vázquez concretou que nestes momentos están xa rematadas as sendas Fene, Ares-Mugardos e Cabanas; en execución o itinerario da AC-116 en Valdoviño; e xa está aprobado o proxecto da senda entre Franza e Rilo, en Mugardos. No caso da senda proxectada en Narón, entre o polígono Río do Pozo e a intersección coa estrada AC-114, lembrou que a Xunta segue agardando a que o Concello presente un proxecto de consenso, acordado cos veciños, para poder materializala.

A conselleira referiuse tamén a outros investimentos que se están a impulsar desde o departamento que dirixe en Valdoviño de cara a mellorar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade.

Adiantou que en breve se adxudicarán as obras de acondicionamento da estrada AC-566, que vai desde Valdoviño a Cedeira, cun investimento de 4,4 millóns de euros. Trátase dun treito de case 4 km desde a saída do núcleo urbano ata A Ramalleira, no que se habilitarán carrís de adiantamento para vehículos lentos en case a metade do treito da actuación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre