Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que a nova praza verde que transformará o cruce...

Ethel Vázquez avanza que a nova praza verde que transformará o cruce dos Concheiros e compaxinará o paso dos peregrinos cun tráfico fluído para os veciños estará lista no inicio do Xacobeo

0

Esta intervención “integral e ambiciosa” ten por obxectivo facer do nó de Concheiros unha zona na que a Ruta Xacobea sexa máis identificable para o peregrino, ademais de reforzar a seguridade e mellorar os tráficos pensando no día a día dos veciños


A nova praza verde de 6.000 metros cadrados que transformará o cruce dos Concheiros e permitirá compaxinar o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos que se achegan a Santiago polo Camiño Francés cun tráfico fluído e seguro para os veciños desa zona estará lista no inicio do Xacobeo 2021, logo dun investimento da Xunta de preto de 3 millóns de euros.

Así o avanzou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, durante a supervisión das obras de mellora e integración paisaxística que están en plena execución neste ámbito do Camiño Francés, entre a avenida de Lugo e o cruce dos Concheiros.

Trátase, segundo destacou Ethel Vázquez, dunhas obras de remodelación “complexas e de moita entidade”, unha das principais actuacións e quizais a “máis singular” das previstas pola Xunta no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela.

Esta intervención “integral e ambiciosa”, en palabras de Ethel Vázquez, ten por obxectivo facer do nó de Concheiros unha zona na que a Ruta Xacobea sexa máis identificable para o peregrino, buscando darlle a continuidade que se viu truncada cando se executou a avenida de Lugo a modo de rolda urbana; ademais de reforzar a seguridade e mellorar os tráficos urbanos, pensando na calidade de vida e no día a día dos veciños de Concheiros e das Fontiñas.

Para dar unha maior continuidade ao Camiño de Santiago e facelo máis facilmente recoñecible polos peregrinos vaise construír un gran espazo “verde e máis humano”, prolongando a ringleira de árbores da avenida de Lugo cara arriba, cara ao cruce dos Concheiros. Ademais, colocarase iluminación específica, unha tira de luminarias colgantes no nó de Concheiros, que servirá de guía aos camiñantes no seu camiño cara á praza do Obradoiro e a Catedral.

En canto ao reforzo da seguridade viaria e para favorecer os tráficos urbanos, facilitando o día a día dos veciños, no cruce dos Concheiros colocarase chan de lastras para inducir á redución da velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñantes na avenida de Lugo, que manterá os dous carrís de baixada e subida.

Ademais, executaranse dúas glorietas, que agora están habilitadas de modo provisional: no cruce coa rúa Londres, para facilitar a mobilidade cara a equipamentos como o Centro de Saúde e a Cruz Vermella; e outra máis arriba, no cruce da estación de autobuses e o conservatorio de música, que propiciará movementos máis seguros nesa zona que rexistra un tráfico elevado cara eses equipamentos e cara ao complexo administrativo de San Caetano.

Avance das actuacións de xeito coordinado co Concello A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións destacou que as obras, iniciadas a finais do pasado ano, seguen a avanzar, a pesar do parón derivado do estado de alarma e tamén das medidas de prevención pola covid-19 que sempre afectan aos rendementos do traballo.

Detallou que nestes momentos están executados dous “dameros” que conformarán a retícula do pavimento no nó de Concheiros e que proximamente se dará tráfico sobre eles para “testar o funcionamento real” do pavimento, que combina formigón cun aglomerado ao que se lle fai un pulido que fai que fai máis visible o seu árido para un acabado axeitado.

Pronto se iniciará o formigonado da avenida de Lugo para proceder, a continuación, á urbanización definitiva das dúas glorietas. Unha vez realizadas estas intervencións entraranse na fase máis importante dos traballos, na zona de Fonte dos Concheiros e no cruce.“Pese a que non se aprecia aínda en toda a súa magnitude, xa hai moito traballo feito”, indicou a titular de Infraestruturas en funcións, lembrando que desde a Xunta “nos temos implicado ao máximo” nesta actuación para mellorar o Camiño e o seu contorno, “no que se ve e no que non se ve”, mellorando ao máximo a funcionalidade da rede de servizos, pensando tamén nos veciños da zona.

Todo isto estase a facer de xeito coordinado co Concello de Santiago, tanto na xestión do tráfico como, desde comezos de outono, para compaxinar esta actuación coa que levará a cabo a Administración local no ámbito da rúa Concheiros.

Ethel Vázquez referiuse, ademais, a que hoxe mesmo comezaron os traballos complementarios que executa a Xunta para o acondicionamento provisional do aparcadoiro de Altiboia, que contan cun prazo de execución de 1 mes. O obxectivo, ao igual que se fixo con anterioridade no polígono do Tambre, é compensar as prazas que se poidan perder pola execución durante as obras do nó dos Concheiros. Deste xeito, os veciños poderán dispoñer xa dunhas 100 prazas de aparcadoiro provisionais. Despois o Concello de Santiago licitará a obra de urbanización deste aparcadoiro para a súa configuración definitiva.

A intervención de integración paisaxística do Camiño Francés na avenida de Lugo e o cruce dos Concheiros estará rematada entre finais deste ano e comezos do próximo, lista no inicio do Xacobeo 2021 logo dun investimento da Xunta superior aos 3 millóns de euros.

Ethel Vázquez remarcou que con este proxecto a Xunta está a traballar polo futuro da cidade, “preparando Compostela para o Xacobeo máis necesario”, impulsando o turismo seguro e contribuíndo á dinamización económica.

Un obxectivo ao que se suman o resto de intervencións de integración paisaxística dos Camiños que a Xunta ten avanzadas e as que está a destinar preto de 10 millóns de euros: no Camiño Inglés ao seu paso do polígono do Tambre, cunha das intervencións recentemente rematadas; no Camiño Francés, na baixada do Monte do Gozo e entre a AP-9 e o Pazo de Congresos, que se prevén finalizar entre os meses de agosto e setembro; e no Camiño Portugués en Conxo, que finalizarán no outono.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre