Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que a mellora do saneamento de Pontedeume, cun investimento...

Ethel Vázquez avanza que a mellora do saneamento de Pontedeume, cun investimento de 4,2 millóns de euros, estará rematada a comezos de 2021 en beneficio da calidade de vida e da actividade marisqueira

0

Vázquez Mourelle indica que para solucionar as carencias no sistema de saneamento nesta contorna, a Xunta está a executar un novo colector adecuado ás necesidades actuais, seguindo o mesmo trazado do existente


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que a mellora do saneamento de Pontedeume, cun investimento de 4,2 millóns de euros, estará rematada a comezos de 2021, en beneficio da calidade de vida e da actividade marisqueira.

Vázquez Mourelle, acompañada polo alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e por representantes dos grupos municipais e da confraría de mariscadores, supervisou hoxe estas actuacións, que se enmarcan na 1ª fase de melloras nos sistemas de depuración a acometer na ría de Ferrol, nos concellos de Cabanas e de Pontedeume. Indicou que a Xunta, para solucionar as carencias no sistema de saneamento nesta contorna, está a executar un novo colector xeral para adecualo ás necesidades actuais, seguindo o mesmo trazado do xa existente.

Ese colector, no que se está a traballar actualmente, parte do paseo marítimo, cruza coa estrada nacional e percorre a zona portuaria ata chegar á zona do novo tanque de tormentas.

Concretou que os traballos comezaron a finais de novembro, polo que ata agora se avanzou na construción do colector, pero serán necesarios uns 4 meses máis para poder completar os 1.000 metros.

Apuntou que a finais de febreiro se prevé iniciar as obras do tanque de tormentas, un depósito soterrado que regulará os caudais que se envían á depuradora, evitando posibles vertidos, xunto co colector de alivio.

Engadiu que as obras se completarán cunha cámara anexa ao tanque de tormentas e cun bombeo que enviará ás augas á EDAR de Centroña. Tamén se renovará a rede de abastecemento no tramo afectado polas obras do novo colector, en algo máis de 1 km.

O Goberno galego, co impulso destas actuacións hidráulicas, dará servizo a uns 9.200 habitantes no ano horizonte 2036.

Ethel Vázquez salientou que esta actuación permitirá mellorar a calidade das augas desta ría e dar novos pasos nesa importante tarefa de acadar o saneamento integral das nosas rías, algo esencial para a pesca, a acuicultura, o marisqueo e o turismo destas zonas.

Avanzou que a Xunta continúa traballando a prol dunha Galicia verde e seguirá apoiando aos concellos nas súas competencias municipais, neste caso, en materia de proxectos hidráulicos.

Neste sentido, recordou que están previstas obras de saneamento en Cabanas, cun investimento de máis de 4,2 M€, a acometer en 2 fases. Indicou que se o Concello axiliza as tramitacións necesarias para a ocupación de terreos ante Costas, este mesmo ano se licitarán as actuacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre