Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza o remate tras o verán da mellora de seguridade...

Ethel Vázquez avanza o remate tras o verán da mellora de seguridade viaria na estrada PO-308 e a senda entre o Covelo e Raxó

0

Vázquez Mourelle concreta que a construción do itinerario está arredor do 87%, mentres que a obra de eliminación do treito de concentración de accidentes entre O Covelo e A Granxa se atopa sobre o 63%

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, supervisou hoxe as obras de mellora de seguridade que se están executando na estrada PO-308, en Poio, que estarán rematadas despois do verán, tras o investimento de máis de 4,1 millóns de euros.

Vázquez Mourelle subliñou que o Goberno galego, sumadas as actuacións que se están levando a cabo e as previstas, mobilizará uns 6,5 millóns de euros para incrementar a seguridade viaria nesta vía autonómica ao seu paso polo municipio de Poio.

Concretou que os traballos que se están acometendo actualmente avanzan a bo ritmo, xa que o itinerario está arredor do 87% e a obra de eliminación do treito de concentración de accidentes entre O Covelo e A Granxa atópase ao 63%, pois comezou máis tarde.

Explicou que a senda, cunha lonxitude de 3,7 km, permite completar un itinerario seguro e sustentable desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó, onde conectará coas beirarrúas xa existentes.

A intervención tamén contempla actuacións complementarias para garantir unha maior funcionalidade, con zonas de aparcadoiro, sistemas de recollida de augas, renovación da iluminación ou unha nova capa de rodadura no treito inicial da travesía de Raxó.

Salientou que no que se refire á supresión do tramo de concentración de accidentes, a Xunta está a actuar nun treito de algo máis de 4 km, executando a mellora de interseccións, coa construción de varias semiglorietas e dúas glorietas, carrís centrais de espera para os xiros, e de aceleración e desaceleración, para facilitar as incorporacións e saídas da estrada.

Lembrou que estas dúas actuacións veñen a sumarse a outros dous proxectos de sendas nesta mesma estrada, e que se está a complementar con outro proxecto para mellorar a seguridade viaria en Poio, igual que en Raxó e Samieira.

Indicou que é precisa a colaboración leal e construtiva do concello porque se trata de actuacións que resolven problemas reais dos veciños e, en cuestións, como estas a cooperación é imprescindible para levar a bo camiño as iniciativas.

Sinalou que o Goberno galego expropiou os terreos e colaborou para a renovación das conducións de abastecemento, posibilitando unha nova conexión á PO-308 dende o viario municipal de Raxó, polo que agarda contar co concello para todas estas iniciativas de mellora da seguridade viaria. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre