Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza o remate o vindeiro verán das obras de saneamento...

Ethel Vázquez avanza o remate o vindeiro verán das obras de saneamento da enseada da Malata, que completarán a depuración integral na ría de Ferrol e mellorarán a calidade das augas

0

Vázquez Mourelle explica que é o último treito pendente para completar a rede de interceptores da marxe norte, que trata as augas residuais de Ferrol e Narón


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe as obras de saneamento da enseada da Malata, que estarán rematadas o próximo verán, tras o investimento duns 7,3 millóns de euros.

Vázquez Mourelle subliñou que con estas actuacións se completa o saneamento integral da ría, o que suporá beneficios para os veciños, para a calidade das augas e para a pesca, o marisqueo e o turismo.

Explicou que se trata das obras no último treito que queda pendente para completar a rede de interceptores da marxe norte da ría, que trata as augas residuais de Ferrol e Narón.

Concretou que os traballos, iniciados no mes de abril, están a pleno rendemento e avanzan a ritmo intenso, pois hoxe hai unha ducia de operarios traballando na zona e tamén maquinaria pesada.

Indicou que se está a construír un tanque de tormentas no contorno do CIS Galicia, que xestionará o caudal que chega á depuradora de Prioriño desde a zona este almacenando as augas antes de ser bombeadas á depuradora. Tamén se executará un tanque de tormentas na zona da Malata, de maior capacidade.

Nestes momentos están rematados os muros guía en ambos os tanques de tormentas, xa que no do CIS está traballando a máquina pantalladora, que permitirá avanzar na execución da estrutura soterrada do tanque.

Estes traballos completaranse cunha rede de colectores xerais en distintos puntos e cun sistema de regulación que controlará o caudal procedente da zona este da enseada da Malata transportado polo colector xeral.

A Xunta prevé ir poñendo en servizo as obras conforme se vaian rematando as fases. Na actualidade xa hai unha zona que está conectada na área do CIS e prevese que no vindeiro mes de febreiro se poida conectar toda a vertente oeste, que é a da contorna do CIS.

A conselleira salientou que este conxunto de infraestruturas hidráulicas de regulación e xestión do caudal busca levar todas as augas residuais urbanas das aglomeracións de Ferrol e Narón ata a EDAR de Cabo Prioriño para a súa correcta depuración.

Lembrou que a Xunta segue a dar os pasos necesarios para completar e acadar a depuración integral das augas que chegan ao mar, con estas obras de saneamento que se suman ás realizadas na marxe sur, coa execución dos colectores de Ares, Fene e Mugardos e a EDAR de Punta Avarenta.

Ademais acometéronse outras nesta marxe norte, en colaboración co Estado: o emisario e a EDAR de Cabo Prioriño e os colectores xerais de Ferrol e Narón, que cofinanciou a Xunta.

Fixo fincapé nun investimento global de 230 millóns no saneamento da ría, dos que máis de 100 foron achegados polo Goberno galego. Engadiu que xa teñen dado froitos porque o banco marisqueiro da Gándara ten mellorado a súa clasificación, pasando a ser zona B, a primeira vez en 20 anos, un paso moi positivo para o sector.

Non obstante, destacou que no saneamento das rías tan importante como executar infraestruturas o é explotalas e mantelas nas mellores condicións, algo que lle corresponde aos concellos. Convidou ás deputacións provinciais a que traballen conxuntamente cos concellos nesta tarefa.

Recordou que aínda que a Xunta invista millóns nunha depuradora, se despois os concellos, que teñen a competencia e o deber legal, non teñen vontade ou capacidade para xestionala en condicións, se estará tirando ese investimento. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre