Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza o inicio do trámite ambiental da primeira fase...

Ethel Vázquez avanza o inicio do trámite ambiental da primeira fase do desdobramento da VAP Nadela-Sarria co obxectivo de licitar as obras este ano cun investimento de 23 millóns de euros?

0

Vázquez Mourelle explica que a tramitación da actuación seguirá coas expropiación durante o segundo semestre deste ano e, en paralelo, iniciaranse os trámites para ter o proxecto construtivo aprobado neste mesmo período

Sarria (Lugo), 11 de febreiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez avanzou o inicio hoxe do trámite ambiental da primeira fase do desdobramento da VAP Nadela-Sarria co obxectivo de licitar as obras este ano cun investimento autonómico de 23 M€.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria, para informarlles polo miúdo dos pasos dados e os trámites en marcha para facer realidade para facer realidade desdobramento dunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia, no tramo entre Sarria e a Pobra de San Xiao, en Láncara.

Explicoulles que o seu departamento segue a avanzar nos trámites administrativos do proxecto sometido en xuño de 2018 a información pública, e informoulles que hoxe dáse un paso máis no proceso para superar a avaliación ambiental simplificada desta iniciativa.

Hoxe mesmo, dixo, comeza o período de consultas e informe de impacto ambiental a través da publicación do documento na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, estando a disposición de calquera interesado para a súa consulta e facer as súas achegas.

Destacou que para acurtar ao máximo os prazos previstos o trámite de consultas ambientais establece un período para o estudo de avaliación ambiental que conta cun prazo estimado de 4 meses. A partires de aí, e unha vez se incorporen as cuestións que os técnicos consideren oportunas, aprobarase definitivamente o proxecto de trazado e a información pública prevista para os meses de verán.

A conselleira indicou que a continuación seguirase co trámite expropiatorio durante o 2º semestre deste ano, para en paralelo iniciar os trámites necesarios para ter o proxecto construtivo aprobado no mesmo período.

Deste xeito, subliñou, este mesmo ano está prevista a licitación das obras de conversión da vía de altas prestación en autovía, no tramo comprendido entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, que suporá un investimento aproximado por parte da Xunta de 23 millóns de euros, para mellorar a seguridade viaria e a funcionalidade e o nivel de servizo desta infraestrutura viaria. Isto permitirá, salientou, iniciar as obras no verán que vén, contando cun prazo de execución de 24 meses.

Lembrou que a ampliación se inicia polo desdobramento desta vía de altas prestacións, no treito de 11,5 Km, entra A Pobra de San Xiao e Sarria centro. Treito, no que segundo referiu, se ten detectado que resulta máis necesaria a ampliación da capacidade, posto que conta cunha orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen considerablemente as posibilidades de adiantamento.

Esta actuación, incidiu, se xustifica tamén nos datos de incremento do tráfico, cunhas taxas anuais de crecemento en 2016 e 2017 cinco veces maior que no conxunto da rede autonómica de estradas. Unha autovía, que tal e como e lembrou, está deseñada cos criterios técnicos máis esixentes que vai permitir, non só facer o percorrido máis rápido, senón que tamén se fará dun xeito máis seguro e maior confort xa que conta cunha velocidade de proxecto de 120 km/h.

Ethel Vázquez abundou tamén no traballo que se vén facendo co desdobramento desta infraestrutura e a planificación da Xunta desde o inicio das actuacións na mesma. Durante a construción da vía de altas prestacións xa se deixaron preparados os desmontes e as estruturas para acoller a futura ampliación da plataforma, o que permite que os traballos de conversión en autovía sexan moito máis sinxelos e se poidan minimizar as afeccións ao tráfico durante as obras de desdobramento.

En definitiva, remarcou a conselleira, a Xunta está dando novos pasos que supoñen un novo pulo a unha infraestrutura viaria esencial para avanzar no equilibrio territorial e na igualdade de oportunidades dos cidadáns do interior de Galicia. E avanzou que, cumpridos estes fitos, o departamento de Infraestruturas da Xunta poderá iniciar os traballos técnicos para o treito restante.

Finalmente puxo en valor o esforzo realizado a prol desta infraestrutura estratéxica na que, dende o ano 2009, en plena crise económica, o Goberno galego investiu más 135 M€ para facer realidade a conexión a través dunha vía de altas prestacións. E agora, remarcou, esta nova intervención segue a amosar a clara aposta da Xunta por esta infraestrutura, que mellorará as condicións de seguridade e comodidade dos vehículos que actualmente circulan pola Vía de altas prestacións e que, desde o punto de vista social e económico, supón ademais un notable aumento da capacidade e dos niveis de servizo desta autovía para todos os veciños e empresas da zona.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre