Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza a licitación o vindeiro mes de decembro da redacción...

Ethel Vázquez avanza a licitación o vindeiro mes de decembro da redacción dos proxectos das seguintes fases do ?novo CHUAC', no que a Xunta investirá máis de 431 millóns de euros

0

Remarca que o novo hospital público é un proxecto en marcha, prioridade total para a Xunta, “que non admite perder o tempo” e sobre o que “non se poden permitir dúbidas nin retrasos”

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación, o vindeiro mes de decembro, da redacción do proxecto das seguintes fases do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, no que a Xunta investirá máis de 413 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa xunta reitora do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, encabezada polo decano da entidade colexial Enrique Urcola.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, cuxo departamento ten encomenda a construción dos novos equipamentos da sanidade pública, destacou o empeño do Goberno galego co desenvolvemento do novo hospital público da Coruña. Un compromiso, dixo, recollido no proxecto de Lei de Orzamentos, polo que a Xunta o eleva ao máximo rango normativo, co obxectivo de garantir a mellor asistencia sanitaria na Coruña para as vindeiras décadas.

Tal e como subliñou a conselleira, o reforzo da sanidade pública da Coruña é unha prioridade total para a Xunta, sendo o novo CHUAC un proxecto en marcha, “que non admite perder o tempo” e sobre o que “non se poden permitir dúbidas nin retrasos”. Precisou que, antes de que remate este ano, van estar executándose as obras da Fase 0, para ampliar as urxencias, crear novos hospitais de día ou novos espazos de farmacia, cun investimento de máis de 13 millóns de euros.

No encontro co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Ethel Vázquez, referiuse tamén á importancia de aproveitar a ocasión única que representan os fondos de reactivación europeos, que permitirán dispor dunha gran capacidade de investimento o vindeiro ano. Detallou, nesta liña, que os Orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade medran en 2021 en máis dun 18%.

A conselleira de Infraestruturas solicitou a colaboración e a implicación dos enxeñeiros galegos para que contribúan, na medida do posible, a aproveitar esta ocasión extraordinaria de reactivación económica axilizando os períodos de execución dos proxectos e das obras públicas, xa que os fondos de reactivación europeos teñen uns condicionantes moi estritos en canto a prazos de gasto.

A titular de Infraestruturas trasladou á xunta reitora do colexio de Enxeñeiros as prioridades do Goberno galego para o vindeiro ano, tras aprobar os Orzamentos máis elevados da historia da Comunidade autónoma, que superan os 11.500 millóns de euros e recollen un incremento do 14% con respecto ao 2020. Lembrou, neste sentido, o papel fundamental do colectivo profesional para acadar os dous obxectivos prioritarios destes orzamentos de carácter extraordinario: reforzar a loita contra a pandemia e a protección social dos cidadáns e activar a economía e o emprego.

A conselleira enfrontou os orzamentos do Executivo autonómico co proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2021, que rebaixa en máis de 100 M€ o investimento en Galicia e son os máis baixos para a Comunidade en 15 anos. Unhas contas estatais, remarcou, que paralizan e abandonan os investimentos en infraestruturas imprescindibles para o progreso, para a calidade de vida e para a competitividade económica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre