Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza a licitación no 1º trimestre de 2020 das obras...

Ethel Vázquez avanza a licitación no 1º trimestre de 2020 das obras de mellora das estradas Valdoviño-Cedeira e San Sadurniño-Ponte Mera, cun investimento de 12,6 millóns de euros

0

Vázquez Mourelle indica que se actuará entre Valdoviño e A Ramalleira, mellorando o firme e as interseccións, rectificando as curvas e habilitando un carril para adiantamentos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia a licitación no 1º trimestre de 2020 das obras do acondicionamento da estrada Valdoviño- Cedeira e da 1ª fase de mellora da AC-862, entre San Sadurniño e Ponte Mera, cun investimento de 12,6 millóns de euros, para comezalas no mesmo ano.

Na súa intervención, a conselleira salientou que, frente a este traballo da Xunta por atender as necesidades da Ferrolterra e A Mariña está a actuación do Goberno de España poñéndo en risco miles de empregos nesas comarcas.

Vázquez Mourelle explicou que o 16 de outubro se someteron a información pública estes proxectos, a efectos expropiatorios e os interesados tiñan ata o 28 de novembro para facer chegar as súas propostas. Engadiu que agora se analizarán as achegas e se continuarán os trámites para comezar a citada contratación.

Subliñou que no caso da AC-566 se actuará nun treito de 4 km, desde Valdoviño á Ramalleira. Para isto, ensancharase a estrada, melloraranse o firme e as interseccións, rectificaranse as curvas e habilitarase un carril para adiantamentos en case a metade do treito no que actuamos.

En canto á 1ª fase de mellora da AC-862, a estrada que vai a Ortigueira, indicou que as intervencións previstas no treito entre a autovía Ferrol-Vilalba e Ponte Mera mellorarán a capacidade e incrementarán a seguridade viaria.

Os traballos centraranse na rectificación de curvas, ampliación da estrada, execución dun 3º carril de adiantamento en 3,8 km ou na mellora do carril adicional actual sentido Ferrol.

Sinalou que o Goberno galego non só puxo en servizo os 16 km da VAP Costa Norte existentes na actualidade cun investimento de 100 millóns de euros en plena crise económica, senón que segue avanzando nesta infraestrutura polos dous extremos. Así, puntualizou que se traballa na actualización do proxecto de San Sadurniño-Sanguiñeira, na provincia da Coruña e coa nova ponte de Viveiro, en Lugo.

Non obstante, subliñou que a VAP non debe ser o único soporte do desenvolvemento das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña luguesa. Neste sentido, precisou que se deseñou unha planificación real, a curto e medio prazo, para o desenvolvemento deste eixe de comunicación e mellorar a mobilidade e a seguridade viaria da zona norte de Galicia.

Indicou que se vai incrementar a capacidade e reforzar a seguridade viaria da estrada que vai de Viveiro a Cabreiros, a LU-540, co fin de facilitar a mobilidade dos veciños de Viveiro, en condicións máis cómodas e seguras, xa que este treito é a principal alternativa empregada para desprazarse ata Ferrol ou Lugo.

A Xunta licitou hai un mes a redacción deste proxecto, ao que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 20 de novembro.

Lembrou que esta planificación a curto e medio prazo recolle actuacións importantes na provincia da Coruña como o acondicionamento da estrada Barqueiro-Porto de Bares, a AC-100, que permitiu anchear a estrada ata os 6,5 metros. Esta actuación, xa rematada desde setembro do ano pasado, quedou lista para o paso da Volta Ciclista a España, tras un investimento de 1,3 M€.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre