Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza a licitación de dous novos estudos sobre as infraestruturas...

Ethel Vázquez avanza a licitación de dous novos estudos sobre as infraestruturas da Eurorrexión e demanda unha aposta polo Corredor Atlántico equilibrada co Mediterráneo

0

Destaca que o obxectivo das actuacións licitadas hoxe, que suman un investimento da Xunta de máis de 178.000 euros, é contribuír a reforzar a capacidade loxística e a competitividade económica e empresarial de Galicia e Norte do Portugal

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación de dous novos estudos sobre as infraestruturas da Eurorrexión e demanda unha aposta polo Corredor Atlántico equilibrada co Corredor Mediterráneo.

Ethel Vázquez e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron unha xuntanza co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e membros da xunta directiva, para abordar o progreso nos traballos a desenvolver pola consellería no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ‘Cologistics’. O ‘Cologistics’ é un proxecto impulsado, principalmente, pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e polo Instituto Galego de Promoción Económica, que coa participación doutros socios, comparte o interese por impulsar e reforzar a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e está dotado cun orzamento total de 2,2 millóns de euros.

Para contribuír a estes obxectivos, o departamento que dirixe Ethel Vázquez publica hoxe na Plataforma de Contratos da Xunta a licitación de dous estudos dirixidos a contribuír a reforzar a capacidade loxística e a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión, que suman un investimento autonómico de máis de 178.000 euros.

A conselleira concretou que a través destes contratos analizarase, por unha banda, a viabilidade de implantar unha rede de aparcadoiros para vehículos de mercadorías perigosas en Galicia-Norte. E, doutra banda, estudaranse as necesidades prioritarias para a mellora das infraestruturas das comunicacións na Eurorrexión, como é a conexión de Portugal coa Plisan.

Explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 11 de decembro para presentar as súas ofertas. As tarefas teñen un prazo de execución de 12 meses e o obxectivo é realizalos ao longo de 2021.

A titular do departamento de Infraestruturas subliñou que este novo paso acredita o interese do Goberno galego por sumar esforzos co sector empresarial e co resto de administracións para potenciar a competitividade das empresas e do territorio.

Puxo o acento no traballo para que as autoridades europeas aceptasen corrixir o erro histórico que supuña deixar o noroeste peninsular fóra do trazado do Corredor Atlántico de mercadorías da UE, e no sentir común de que ese logro tiña que transformarse nunha mellora real e efectiva das infraestruturas ferroviarias ao servizo do transporte de mercadorías e a función loxística.

Destacou a importancia estratéxica que ten para a área de Vigo a execución da Saída Sur ferroviaria e a conexión da terminal de Bouzas: unha obra clave para o futuro do Porto, para o tecido produtivo e para a conectividade e a competitividade da Eurorrexión.

Por iso demandou do Goberno español a realización do estudo informativo e o trámite ambiental da Saída Sur de Vigo, como xa lle ten solicitado o presidente da Xunta ao ministro Ábalos, o “único trámite real e efectivo co que o Goberno de España demostraría un compromiso real coa Saída Sur de Vigo e co Corredor Atlántico”, afirmou.

A conselleira referiuse ao resultado do completo estudo técnico e económico da Xunta sobre a Saída Sur que acredita a enorme rendibilidade desa actuación a todos os niveis, presentando hai uns meses na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. Apuntou que, fronte a este estudo remitido pola Xunta ao Goberno de España co ánimo de contribuír ao impulso da actuación, os últimos plans do Ministerio de Transportes sobre a Saída Sur pasan por realizar un novo análise de alternativas, “para volver a estudar o xa estudado e mantela bloqueada”.

Ethel Vázquez destacou a demanda activa da Xunta ao Goberno de España ante o escoramento observado nos último meses, cada vez maior, do apoio ao Corredor Mediterráneo en detrimento do Corredor Atlántico e avogou por aproveitar a oportunidade que representa o Mecanismo Conectar Europa para financiar actuacións integradas dentro deses Corredores europeos, xunto coa ocasión única de impulsar esas actuacións con cargo aos fondos europeos de reconstrución Next Generation.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre