Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza a licitación a comezos de 2020 da variante de...

Ethel Vázquez avanza a licitación a comezos de 2020 da variante de Alba, que sacará o 75% do tráfico do núcleo de San Caetano

0

Vázquez Mourelle concreta que as persoas interesadas poderán achegar as súas observacións ao trazado dende mañá ata o vindeiro 7 de agosto

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a Xunta licitará a comezos do vindeiro ano a variante de Alba, que sacará o 75 % do tráfico do núcleo de San Caetano e reforzará a seguridade viaria nesta contorna.

Vázquez Mourelle, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou a tramitación desta infraestrutura, pois hoxe o Diario Oficial de Galicia publica o inicio da información pública do proxecto de trazado e a relación de bens e de dereitos afectados para que os interesados trasladen as súas achegas ata o 7 de agosto.

Destacou que en paralelo se realizará a tramitación ambiental, de modo que se poida axilizar ao máximo o procedemento administrativo para a aprobación do trazado proposto e poder ter a finais de ano o proxecto construtivo.

Subliñou que a variante suporá un investimento global que rolda os 14 millóns de euros, coas expropiacións e bens afectados, que suman uns 384.000 euros. Detallou que para a 1ª fase das obras se prevé un orzamento duns 8,2 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses.

Referiu que a estrada está pensada para a súa execución por fases, acometendo nunha primeira un carril en cada sentido, pero prevendo o seu desdobramento posterior, cando os tráficos acrediten necesario ampliar a capacidade.

Neste sentido, o proxecto xa inclúe a totalidade das afeccións, polo que nunha 1ª fase se executarán dous carrís, un en cada sentido, pero quedarán realizadas xa as expropiacións e o movemento de terras necesario para completar a actuación.

Indicou que se trata dunha infraestrutura relevante para os veciños de Pontevedra, xa que permitirá conectar a estrada de Vilagarcía (PO-531) e a que vai a Santiago (N-550). Precisou que será unha alternativa á PO-225, que comunica Alba con San Caetano e que conta cunhas dimensións moi reducidas para a convivencia de veciños, peregrinos e preto de 13.000 vehículos ao día.

Concretou que por esta zona pasa o Camiño Portugués, polo tanto, é frecuentada a diario por peregrinos. Neste sentido, precisou que a variante posibilitará sacar tráfico rodado da actual estrada autonómica PO-225, que conta con algún punto de paso estreito e con gálibos reducidos, e evitar o tráfico pesado.

Canalización do tráfico, maior seguridade e menor afecciónA Xunta vén avanzando no deseño desta infraestrutura, demandada e necesaria, da man do Ministerio de Fomento e mantendo informado ao Concello de Pontevedra, co fin de coordinar o mellor trazado e entronque coa N-550.

Máis en detalle, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou que a solución adoptada responde aos obxectivos de canalizar o tráfico da estrada entre Alba e San Caetano e incrementar a seguridade viaria na zona de Alba, cunha menor afección ambiental e social.

Sinalou que a nova infraestrutura está deseñada con características dunha vía de altas prestacións e cunha velocidade de proxecto de 100 km/hora, con dúas calzadas a futuro, unha por sentido, separadas mediante unha mediana de 2 metros.

Concretou que a variante arrancará na intersección coa estrada de Vilagarcía, coa PO-531 e a estrada PO-310, que une Poio e Campañó, cunha conexión a nivel mediante unha glorieta, discorrendo ao longo de case un quilómetro ata a conexión final coa N-550, que se resolverá tamén mediante unha glorieta a nivel.

Avanzou que a infraestrutura deberá salvar a AP-9, a liña de ferrocarril e o río Granda, para o cal se proxecta un viaduto duns 300 metros de lonxitude. Engadiu que para dar continuidade á rede de camiños existente executarase, ademais, un paso superior.

Nova senda peonilA conselleira indicou que este reforzo da seguridade se verá complementado coa construción dunha senda peonil na parroquia de Alba, na estrada PO-225. O obxectivo é incrementar a seguridade dos peregrinos que percorren o Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano.

O proxecto está redactado e en supervisión nestes momentos, así que unha vez aprobado, comezará a expropiación dos terreos e a continuación a contratación das obras, co obxectivo de que este itinerario estea listo para ser empregado polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo de 2021.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre