Inicio Galicia Estudantes do IES Sánchez Cantón de Pontevedra gañan a fase galega do...

Estudantes do IES Sánchez Cantón de Pontevedra gañan a fase galega do certame de Proxectos Espaciais Cansat

0

O proxecto dos alumnos do centro educativo pontevedrés proclamouse finalista entre 14 equipos e participará na fase nacional desta competición promovida pola Axencia Espacial Europea

O equipo “Los tecnológicos” do IES Sánchez Cantón de Pontevedra é o gañador da categoría absoluta da fase rexional galega de CanSat e participará na final nacional desta competición promovida pola Axencia Espacial Europea, que terá lugar o 15 de xullo en Granada.

A través do certame CanSat os equipos participantes realizan todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do CanSat, un proxecto de simulación real dun satélite integrado no volume e forma similar ao dunha lata de refrescos.

A eliminatoria da fase rexional galega de CanSat, xestionada pola Consellería de Cultura e Turismo no marco da súa colaboración con Esero España e coa Consellería de Economía, Emprego e Industria no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia, estaba prevista para o 21 de marzo, pero non puido celebrarse pola situación de confinamento causada pola covid-19. Por este motivo, a valoración dos proxectos dos catorce equipos de estudantes participantes realizouse de acordo ás memorias técnicas presentadas polos equipos.

O equipo gañador absoluto da fase rexional galega viaxará a Granada para lanzar o seu CanSat se a situación o permite. De non ser posible enviará o seu satélite para que sexa lanzado polo equipo de Esero España con seguimento en remoto desde Galicia.

PremiadosO equipo “PonteSat”, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e o “STEMozas”, do IES Sánchez Cantón de Pontevedra recibiron respectivamente o segundo e terceiro premio na categoría absoluta.

Na categoría de logros técnicos o mellor valorado foi o equipo “Unha galega na lúa” do IES Monte das Moas da Coruña; o segundo premio recaeu no “Estrella Rosalía” do mesmo centro educativo; e o terceiro foi para o “Sputnik” do IES Sánchez Cantón.

O equipo “ObjetivoEUROPA” do IES Sánchez Cantón recibiu o primeiro premio na categoría que recoñece o valor científico do proxecto presentado; na que o “jansatPonte” do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela obtivo o segundo.

Na categoría de competencias profesionais, os mellor valorados foron “TeamLEUCOSAT” do IES Rego de Trabe de Culleredo (1º), “RockSpace”, do CEE Nosa Sra de Lourdes da Coruña (2º) e “Anonymous PRIMASAT” do IES Fene.“S_al_cubo” do IES Sánchez Cantón e “TeamEBA” do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo recibiron o primeiro e segundo premio na categoría de difusión.

O certame CanSatO desafío para os estudantes consiste en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. O CanSat (do inglés can, lata; e sat, satélite) lánzase cun foguete ata unha altitude aproximada dun quilómetro e, a partir de aí, comeza a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.

A edición 2020 de CanSat está organizada por Esero España, proxecto de educación da Axencia Espacial Europea (ESA) xestionado polo Parque das Ciencias de Granada; e a Fundación Ibercivis para o fomento da ciencia cidadá, e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre