Inicio Galicia Esta fin de semana comeza o programa de formación de catas de...

Esta fin de semana comeza o programa de formación de catas de aceite de oliva virxe extra nos concellos da Arnoia e da Estrada

0

Ademais destes primeiros cursos de iniciación, sábado na Arnoia e domingo na Estrada, haberá outros de perfeccionamento e avanzado nas seguintes fins de semana

Esta fin de semana comezan os cursos de formación de catas de aceite de oliva virxe extra (AOVE), que organiza a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), nos concellos da Arnoia e da Estrada.

En concreto, mañá celebrarase a cata de iniciación na antiga cooperativa do pemento do concello ourensán da Arnoia e, o domingo, será no local de Abanca da rúa Calvo Sotelo do concello pontevedrés da Estrada. En canto ao temario, abordaranse cuestións como os conceptos básicos na cata de aceites, clasificacións comerciais, fases olfativa, gustativa e táctil; así como as características sensoriais e o vocabulario básico. O curso rematará cunha sesión de cata demostrativa.

Así mesmo, os cursos de perfeccionamento celebraranse a seguinte fin de semana e a última será a quenda do curso avanzado. Todos eles serán impartidos polo xienense Ramón Pulgar, experto en oleicultura e catador recoñecido polo Consejo Oleícola Internacional. Así, as restantes accións formativas terán lugar os 19 e 26 na Arnoia e os 20 e 27 na Estrada.

Cada un dos cursos contará cunha duración total de 8 horas, en horario de mañá e tarde, e van dirixidos principalmente a agricultores que teñen ou están plantando oliveiras. Neste senso, cabe sinalar que o obxectivo destas sesións de cata é a formación de profesionais do sector coa expectativa de que xurda algún experto catador que seguirá recibindo formación e así algún día poder formar un panel de cata de AOVES en Galicia.

Tamén se busca afianzar este sector emerxente na nosa comunidade, posto que é moi importante para o asentamento e mellora do rural galego. Neste senso, cabe sinalar que, a día de hoxe, hai arredor de 164 hectáreas plantadas cun total de 180.000 oliveiras en Galicia.

No caso do curso de perfeccionamento, traballarase na análise sensorial do aceite de oliva virxe extra segundo o Consejo Oleícola Internacional e os paneis de cata oficiais. Tamén se tratará a composición química do aceite, atributos e adestramento con patróns. Finalizarase o curso cunha sesión de cata demostrativa.

Finalmente, no curso de nivel avanzado abordaranse as características organolépticas dos AOVEs mediante un taller dos sentidos, analizaranse os elementos determinantes na calidade deste produto e os seus atributos positivos, ademais da elaboración dunha ficha final e unha sesión de cata demostrativa.

Ditos cursos están integrados no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre