Inicio Galicia Escolas Abertas leva a cultura máis tradicional de Galicia ao Pereiro de...

Escolas Abertas leva a cultura máis tradicional de Galicia ao Pereiro de Aguiar de man de docentes das distintas disciplinas chegados de oito países diferentes

0

Os beneficiarios do programa da Secretaría Xeral da Emigración levan ao escenario situado na Praza do Concello os coñecementos adquiridos durante as últimas dúas semanas a través de especialistas nas materias

O programa da Secretaría Xeral da Emigración Escolas Abertas trasladou este ano a súa gala de clausura ao Pereiro de Aguiar, ata onde levou por primeira vez a cultura máis tradicional de Galicia da man de docentes das distintas disciplinas procedentes de oito países diferentes. Os 63 beneficiarios desta iniciativa do Goberno galego levaron ao escenario instalado para a ocasión na Praza do Concello do municipio ourensán os coñecementos que adquiriron durante as últimas dúas semanas nas clases que impartiron especialistas da Galicia territorial nas distintas materias.

A Arxentina, O Uruguai, O Brasil, Venezuela, Cuba, Chile, México e España estiveron representados a través dos profesores dos diferentes centros galegos que, tan pronto regresen aos seus países de procedencia, transmitirán tanto a aprendizaxe das materias como as distintas técnicas pedagóxicas aprendidas aos seus alumnos.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen presidiu o acto acompañado da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde do Pereiro do Aguiar, Luis Menor, aproveitou para felicitar os beneficiarios deste programa, aos que agradeceu á súa “dedicación e ilusión na difusión do patrimonio inmaterial de Galicia, unha das xoias que debemos protexer con máis coidado entre todos para evitar que o tempo ou a distancia nos afasten dela”.

A gala de clausura de Escolas Abertas permitiu amosar a evolución dos alumnos de cada un dos cursos de especialización en gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre