Inicio Galicia Escolares de primaria da provincia ourensá reciben formación para afrontar unha emerxencia...

Escolares de primaria da provincia ourensá reciben formación para afrontar unha emerxencia na terceira fase do programa ?Pupas, Sustos e outros desgustos?

0

Esta iniciativa pioneira en Galicia está promovida pola Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense e conta coa colaboración da Xefatura Territorial de Educación

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Sanidade, Laura López del Castillo, acudiu hoxe ao CPR Plurilingüe Guillelme Brown, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, no que hoxe se desenvolvía o taller de primeiros auxilios Pupas, Sustos e outros desgustos, iniciativa, pioneira en Galicia, coa que enfermeiras dos centros de saúde contribúen a formar aos rapaces de 3º e 4º de primaria, mediante simulación práctica e xogos, para perder o medo e actuar, tanto en pequenos accidentes como emerxencias. No acto tamén estaba a promotora desta iniciativa, Verónica Civeira, e persoal de Enfermería que organizou e colaborou nesta actividade.

Ao longo da mañá os rapaces que participaron nesta actividade recibiron unha formación práctica, adaptada a súa idade, para recoñecer as situacións de emerxencia mais habituais, desde as máis comúns -como golpes, cortes, queimaduras ou outras feridas-, a outras de maior gravidade, como un atragoamento, convulsións ou falta de consciencia. A delegada territorial subliñou a importancia de formar, xogando, aos máis pequenos neste ámbito “xa que nalgunhas ocasións pode salvar vidas, xa que aprenden cando e como alertar aos servizos sanitarios ante unha emerxencia e como actuar”.

O obxectivo do taller é “empoderar” aos nenos no seu autocoidado e capacitalos para que poidan recoñecer e actuar ante unha situación de emerxencia, e tamén ante as pequenas incidencias e accidentes, perdendo o medo ante situacións da vida diaria.

Díaz Mouteira indicou que co desenvolvemento deste taller en Ourense, “sumámonos as liñas marcadas pola Organización Mundial da Saúde, que pon en valor o papel dos nenos ante unha situación de emerxencia, e anima a súa formación como vía para salvar vidas, especialmente entre os máis pequenos”. De feito, a OMS suxire o primeiro entrenamento entre os nenos de Educación Primaria, entre 6 e 12 anos, precisamente entre os que se desenvolve o Pupas, Sustos e outros Desgustos.

Este taller, promovido pola Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense que conta coa colaboración da Xefatura Territorial de Educación, está impartido por enfermeiras de atención primaria e comezou hai dous anos, no curso 2017-2018, na comarca do Carballiño. Dado o éxito acadado na súa primeira fase, o programa continuou a desenvolverse o pasado curso chegando a un total de 41 colexios da provincia que acolleron 86 talleres nos que participaron un total de 1.798 nenas e nenas.

No presente curso desenvolverase a terceira fase cuxo obxectivo é acudir aos restantes centros educativos ata acadar o 100% daqueles que desexen participar na iniciativa, amais de dar continuidade ao obradoiro nos colexios que xa participaran nas anteriores fases.

Prácticas con simulación de situacións reaisOs talleres teñen unha duración de dúas horas, divididos en dous módulos, cunha breve proxección e explicación inicial, para de seguido realizar exercicios prácticos en grupo. O primeiro módulo refírese as “pupas e sustos de cada día” como febre, diarrea e vómitos, golpes e hematomas, feridas, cortes, sangrado pola nariz, sustancias nos ollos, queimaduras e recomendacións para manterse sans.

O segundo inclúe o capítulo de “sustos e grandes desgustos” onde se lles orienta a recoñecer estas situacións, ao tempo que se lles traslada a importancia e a maneira de alertaraos servizos sanitarios, así como a recoñecer e actuar ante o atragantamento, convulsión ou inconsciencia dunha persoa.

Tamén, ante o suposto dunha persoa insconsciente, os rapaces practican por parellas como comprobar o nivel de consciencia e respiración, ademais de como posicionalo e iniciar as manobras de resucitación cardio pulmonar, gañando tempo ata que cheguen os servizos de emerxencia.

Para avaliar os coñecementos adquiridos realízase unha enquisa previa e posterior ao curso e os resultados son moi positivos no conxunto de situacións. Segundo estas consultas, o pasado ano tras participar no taller o 95,89% dos nenos coñecían o teléfono de emerxencias, mentres que o 85,92% sabían reaccionar ante un atragantamento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre