Inicio Galicia Entre os días 1 e 20 de marzo estará aberto o prazo...

Entre os días 1 e 20 de marzo estará aberto o prazo de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21

0

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como os de Infantil, Primaria, ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles

Desde o próximo domingo día 1 e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21, para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, de Educación Primaria de ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.

O calendario do procedemento de admisión e matrícula está establecido na Orde de 12 de marzo de 2013, que pode consultarse no enderezo web https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2013/20130315/AnuncioG0164-120313-0006_gl.html.

Tal como queda reflectido na dita Orde, as solicitudes de admisión poderán presentarse a de xeito telemático a partir do domingo día 1, mentres que de xeito presencial nos centros escolares desde o luns día 2, prazo que permanecerá aberto ata o 20 de marzo.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación ‘admisionalumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

Tal como quedou establecido no sorteo público que tivo lugar hoxe mércores na Consellería, en caso de empate de puntos para unha mesma praza, as letras de prioridade establecidas neste sorteo foron “t” e “g” para o primeiro apelido e “e” e “x” para o segundo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre