Inicio Galicia Empresas galegas do sector agroalimentario reforzan a súa presenza en China co...

Empresas galegas do sector agroalimentario reforzan a súa presenza en China co apoio da Xunta

0

O director do Igape, Juan Cividanes, encabezou unha misión comercial na que participaron Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Rio, Galmesano e Coren


A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración da Cámara de Comercio da Coruña, vén de pechar a misión comercial a China encabezada polo director do Igape, Juan Cividanes, quen a pasada semana acompañou a unha delegación formada polas empresas da agroalimentación galega Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Río, Galmesano e Coren.

En Xangai, a delegación participou na Feira Internacional de Importación, evento de referencia a nivel mundial onde se deron cita este ano máis de 2800 empresas de 170 países e no que a industria da alimentación e as bebidas ten un papel destacado. Na xornada do pasado mércores celebrouse o Día de Galicia, a única comunidade autónoma que contou cun espazo expositivo propio no que se presentaron produtos como conservas de peixe e mariscos, lácteos, carne e bebidas.

A presenza galega nesta feira buscou consolidar as oportunidades de negocio xa abertas no país asiático e crear novas alianzas, ademais de intensificar a posición dos produtos agroalimentarios no mercado asiático. China foi en 2018 o segundo destino en Asia das exportacións galegas, acadando nos oito primeiros meses de 2019 os 170 millóns de euros en vendas, o que supón un incremento de máis dun 26% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

O país asiático é o quinto país fóra da Unión Europea ao que máis venden as empresas de Galicia en xeral e a ese destino 443 empresas galegas exportaron o pasado ano, das que 142 foron regulares, é dicir, comercializaron produtos en China nos últimos catro anos. En canto á agroalimentación, cabe destacar a boa evolución das exportacións de xaneiro a agosto deste ano, cun incremento do 82,7% e un volume total de 66,38 millóns de euros de vendas. As exportacións deste sector supoñen o 39% do total con este país neste período.

O número de empresas galegas que venden alimentos e bebidas a China incrementouse un 7% nos dous últimos anos. Xa en 2019 representa o quinto destino das exportacións do sector, subindo tres postos con respecto ao ano anterior. Galicia é a oitava comunidade autónoma que máis exporta ao país asiático, con case un 5% do total das vendas españolas.

O apoio da Xunta á presenza da agroalimentación galega na segunda Feira Internacional de Importación de China tamén ten como obxectivo apoiar ás empresas que queren abrirse paso nos mercados asiáticos. Con este fin, a través do plan Foexga e do programa Sinerxía, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, impulsa outra misión multisectorial tamén en China e ademais en Taiwán, coa que outras oito compañías galegas están a buscar novas vías de investimento e colaboración ata o 21 deste mes.

Construción da empresa galega Gabadi nun estaleiro de XangaiDurante a misión, representantes do Igape visitaron o estaleiro Jiangnan Shipyard, en Xangai, un dos máis importantes do mundo, onde a empresa galega de desenvolvemento de proxectos navais Gabadi está a construír catro tanques de contención de gas natural licuado para buques porta-contedores, un proxecto de especial relevancia pola súa envergadura e polo desafío que supón unha construción destas características.

Desde o Igape apoiouse activamente á empresa Gabadi para a consecución deste encarga de fabricación, que está a ser executada desde o pasado mes de xaneiro por un equipo de máis de 80 traballadores da empresa naronesa, e que está formado por uns 65 desprazados permanentes e 10 técnicos que cooperan en momentos puntuais da obra de orixe galegos, así como algúns traballadores especialistas doutros países como Francia ou Portugal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre