Inicio Galicia Empregados públicos da Administración local coñecen os avances sobre transparencia nunha xornada...

Empregados públicos da Administración local coñecen os avances sobre transparencia nunha xornada na Delegación da Xunta en Lugo

0

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou hoxe na formación xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na xornada de formación organizada polo Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) A transparencia na Administración local de Galicia. Actualidade xurídica e práctica. A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, clausurou o acto. Os empregados públicos e cargos electos da Administración local asistentes á xornada, celebrada na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, tiveron ocasión de actualizar os seus coñecementos sobre a xestión pública local, sobre todo no que se refire á materia de transparencia nas entidades locais de Galicia. Entre os asistentes á formación de hoxe figuran alcaldes, concelleiros, interventores, tesoureiros, administrativos, auxiliares administrativos, técnicos de xestión ou asesores xurídicos que, a través desta xornada, descubriron as ferramentas necesarias para cumprir coas obrigas legais de transparencia co Portal de Transparencia Local de Galicia. A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, impartiu unha das ponencias na que expuso precisamente as vantaxes do Portal de Transparencia Local de Galicia para os concellos e as súas funcionalidades prácticas. Por outra parte, a codirectora da Rede Localis, Concepción Campos, abordou as obrigas da Secretaría Municipal en transparencia tras a aprobación do Real Decreto 128/2018 polo que se regula no réxime xurídico dos funcionarios da Administración Local coa habilitación de carácter nacional; e o profesor da Universidade de Vigo e tamén codirector desta rede, Alberto Vaquero, dotou aos profesionais de ferramentas para cumprir as obrigas legais neste ámbito. A xornada tamén contou coa participación da secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba, quen dou a coñecer as novidades introducidas pola Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público en materia de transparencia e publicidade electrónica. Noutra das ponencias, o profesor da Universidade de Santiago e membro da Rede Localis, Daniel Neira, afondou nas dificultades e solucións para o exercicio do dereito de acceso á información pública, así como nas novidades sobre protección de datos e a interacción desta norma coa de transparencia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre