Inicio Galicia Eliminado un vertido contaminante na contorna da praia de Broña tras a...

Eliminado un vertido contaminante na contorna da praia de Broña tras a intervención dos inspectores de Augas de Galicia

0

Un episodio de contaminación na zona de baño alertou ao persoal do organismo de conca, que identificou sobre o terreo un vertido de augas residuais

O labor inspector realizado polos técnicos de Augas de Galicia este verán permitiu acabar cos vertidos contaminantes que estaban a afectar ao río Bendimón na contorna da praia de Broña, en Outes.

A intervención do organismo de conca produciuse a raíz dun episodio de contaminación detectado nesta zona de baño pola Consellería de Sanidade. Tras ser alertados da situación, persoal de Augas de Galicia realizou unha inspección á zona durante a que identificou un vertido de augas residuais procedente da rede de sumidoiros municipal.

Os técnicos non tardaron en dar coa orixe do foco: unhas fendas existentes nun pozo de rexistro da rede de colectores de saneamento, que estaban a provocar que as augas residuais acabaran chegando ata o río Bendimón. A afección na canle fluvial era perceptible de forma visual polo que se procedeu á toma de mostras tanto das propias fendas como da canle final de chegada ao río a través dunha rede de pluviais próxima. Paralelamente, a situación foille notificada ao concello.

Nunha recente visita de seguimento a esta zona, Augas de Galicia constatou que o punto de vertido fora emendado logo de que persoal municipal procedera a selar a rede de colectores de saneamento, evitando así que as emisións contaminantes seguiran alcanzando o río e mais a zona de baño.

Cómpre lembrar que a detección e posterior eliminación deste foco contaminante foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de Control de Vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles nas redes municipais de saneamento.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre