Inicio Galicia Educación supervisa as obras realizadas nos CEIP de Atios e Antonio Palacios...

Educación supervisa as obras realizadas nos CEIP de Atios e Antonio Palacios en O Porriño cunha inversión de 50.000 euros

0

O xefe territorial, César Pérez Ares, confirmou a reforma en dúas aulas da casa do conserxe no CEIP de Atios para acoller o desdobre programado pola dirección; e a reparación completa no muro exterior no caso do Antonio Palacios


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional representada polo seu xefe territorial, César Pérez Ares, supervisou hoxe as obras acometidas polo departamento autonómico nos CEIP de Atios e o Antonio Palacios, ambos na localidade pontevedresa de O Porriño, cunha inversión que supera os 50.000 euros.

No primeiro caso, falou da adaptación da antiga casa do conserxe en dúas aulas que darán resposta ás necesidades previstas ante o desdobramento de unidades (grupos de clase). Unha actuación valorada en 48.390,07 euros.

En canto ao CEIP Antonio Palacios, o representante do Executivo autonómico en materia de Educación na provincia referiuse as malas condicións nas que se encontraba o muro exterior que foi reparado por completo. Unha obra cuxo custe ascendeu a 12.000 euros.

Asemade, o xefe territorial aproveitou a visita para comprobar in situ o plan organizativo que está levando a cabo o equipo directivo destes colexios de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade. Así, autorizou a flexibilidade horaria proposta polos centros escolares, a desescalada de entradas e saídas e o uso de espazos comúns co obxectivo de cumprir coas indicacións das autoridades sanitarias.

Segundo dixo, ambos contan cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

Con todo, Pérez Ares lembrou que o propio Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

A finalidade, tal e como destacou, non é outra que garantir un inicio de curso seguro a nivel sanitario e dentro da máxima normalidade posible no marco actual. E neste contexto, aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais de cara o comezo das clases, pois sinalou que a implicación e organización dos equipos directivos dos centros “está a ser exemplar”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre