Inicio Galicia Educación recoñece o traballo de 6 estudantes cos premios extraordinarios nas ensinanzas...

Educación recoñece o traballo de 6 estudantes cos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais

0

Na modalidade de Música resultaron premiados tres alumnos dos conservatorios profesionais de Música da Coruña e de Vigo, e do centro autorizado Manuel Peleteiro de Santiago


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da concesión dos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes plásticas e Deseño.

Con eles recoñécense e valóranse publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo de seis alumnas e alumnos que remataron os seus estudos no curso 2018/19 cun excelente resultado académico.

Na modalidade de Música, os galardoados foron Miguel Iglesias Lista, do Conservatorio de Música Profesional da Coruña; Jaime Estévez Moureira, do Conservatorio de Música Profesional de Vigo; e Pedro Budiño Pinaque, do Centro autorizado de Música Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela.

Na modalidade de Artes plásticas e Deseño outorgáronse dous premios, un a Paula Andrea Brea, que cursou os seus estudos na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña), e outro a Naiara Ayelén Carrazza Ibáñez da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago). Pola súa parte, a única premiada na modalidade de Danza é Andrea Carolina Arrechedera Colosimo, estudante do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

A maiores da dotación económica, de 850 euros por premio, os galardoados recibirán un diploma acreditativo e anotarase esta distinción tanto nos seus expedientes como nas certificacións académicas que se lles emitan.

Para optar a estes premios as persoas aspirantes debían contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais, nas modalidades de Música e Danza, ou no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Na modalidade de Música deberon, ademais, realizar unha interpretación como solista e presentar tres copias dunha gravación de vídeo na cal se interpretasen tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música. No caso dos estudantes de Danza, tiveron que presentar tres copias dunha gravación de vídeo na que interpretasen dúas obras da especialidade, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza. Pola súa banda as persoas aspirantes na modalidade de Artes Plásticas e Deseño tiveron que presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorrían.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre