Inicio Galicia Educación porá en marcha este ano un programa de incorporación ao...

Educación porá en marcha este ano un programa de incorporación ao SUG de investigadores posdoutorais

0

Será unha das liñas de acción do Plan de captación e retención de talento investigador

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto poñer en marcha este mesmo ano un programa de incorporación de recursos humanos posdoutorais aos centros e unidades de I+D do Sistema Universitario de Galicia (SUG), unha acción que forma parte do Plan de captación e retención de talento investigador que está a preparar a Xunta de Galicia.

No marco do acto de entrega dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2017 nas universidades do SUG, a titular do departamento educativo da Xunta explicou que esta actuación vai permitir “promover a mellora das capacidades de investigación e o fortalecemento dos grupos mediante a atracción e promoción de persoal”. “Un paso máis para acadar a excelencia que consiste, tamén en compartir e poñer o talento a disposición para lograr un mundo mellor”, salientou.

Esta primeira acción do Plan de captación e retención de talento investigador dividirase en dúas modalidades. A primeira delas dirixirase a persoal que non estivese contratado nunha universidade ou institución científica galega nos últimos 24 meses, mentres que a segunda irá destinada ao persoal investigador que si traballou nunha universidade do SUG ou institución científica galega no último ano. Tanto na modalidade A como na B será necesario que a persoa candidata teña o grao de doutor cunha experiencia posdoutoral de, polo menos, 24 meses en institucións científicas de recoñecido prestixio de fóra de Galicia.

A incorporación dos investigadores seleccionados realizarase baixo a figura contractual de Investigador Distinguido e a selección realizaraa unha comisión de expertos científicos alleos ao SUG e nomeada ao efecto pola Consellería. En calquera caso, no deseño desta convocatoria, coordinarase coas universidades galegas as áreas prioritarias de investigación e os centros nos que precisen a captación e retención deste persoal.

Nesta primeira convocatoria o número máximo de axudas será de 15 e a duración mínima dos contratos será de 4 anos cun custe estimado de 50.000 euros ao ano, polo que se prevé un investimento total de arredor de 3 millóns de euros.

A segunda acción do Plan de captación e retención de talento investigador centrarase na figura de investigador Sénior e neste momento estase a traballar na súa definición.

Galardóns Respecto dos premiados, a conselleira felicitounos, así como a familias e profesorado, por este logro e convidou os galardoados a compartir “ese talento, intelixencia, bondade, solidariedade, coñecementos e os valores que fixestes vosos”, porque “o valor da excelencia non está unicamente na obtención dos bos resultados académicos”.

Hoxe recoñeceuse o traballo de 68 egresadas e egresados. Por universidades, a que máis galardoados conta é a de Santiago de Compostela, con 30, seguida da de Vigo (27) e da da Coruña (11). No referido ás titulacións que tiveron máis dun estudante galardoado foron, con tres premios cada unha, Enfermaría, Medicina, Dereito, Educación Infantil e Educación Primaria; e, con dous premios cada unha, Administración e Dirección de Empresas e Relacións Laborais e Recursos Humanos. Cabe salientar que se concede por primeira vez este recoñecemento a dúas persoas que cursaron unha simultaneidade de graos na opción pola que optaron, en concreto en Dereito e Administración de Empresas (na opción de Dereito) e en Turismo e Ciencias Empresariais (opción de Turismo).

Do total de galardoados 46 son mulleres e 22 homes. En canto ás puntuacións, a mellor nota foi a dunha titulada en Matemáticas na USC, Erika Díaz Pita, seguida de Alipio Santiago Dacosta (Filosofía na USC) e de Yosua Martínez Rodríguez (Dereito na UDC).

Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas. Así, ademais do premio económico de 3.000 euros, os galardoados recibiron un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Os premiados, por universidades, son os seguintes:Universidade de Santiago de Compostela Persoa premiada

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre