Inicio Galicia Educación moderniza o CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa cun investimento...

Educación moderniza o CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa cun investimento de 860.000? para a súa rehabilitación enerxética e funcional

0
image_gallery.jpg

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, supervisa os traballos, que beneficiarán ás preto de 350 persoas da comunidade educativa


A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou esta tarde as obras do proxecto de rehabilitación enerxética e funcional do CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa, no que a Consellería de Educación inviste uns 860.000€ para proceder á súa modernización integral.

Luisa Piñeiro destacou a “forte aposta” do Goberno galego por estes investimentos nos centros educativos “xa que renovan por completo, cun cronograma plurianual, os colexios da provincia e incrementan a súa funcionalidade e confortabilidade ao tempo que melloran a súa eficiencia e rendemento”. Ao respecto, detallou que a obra no CEIP Xulio Camba “aumentará moito a calidade do espazo educativo” en beneficio das 350 persoas que conforman esta comunidade escolar, na que máis de 300 son alumnos.

A representante autonómica, acompañada do alcalde, Gonzalo Durán, percorreu as instalacións -aproveitando a ausencia de clases en horario de tarde- para supervisar esta actuación, financiada principalmente con fondos Feder e que se enmarca no programa plurianual da Xunta para a renovación global dos centros educativos de toda Galicia.

As obras, executadas de xeito paralelo nos dous edificios separados que acollen Educación Infantil e Primaria, respectivamente, consisten na renovación de toda a carpintaría exterior, a dotación de eficientes sistemas de illamento, a impermeabilización das fachadas, a instalación de falsos teitos acústicos e luminarias Led, que outorgan unha maior luminosidade con menor consumo, o arranxo de toda a rede de canalizacións dos aseos, o pulido de todos os pavimentos e o cambio da caldeira co revestimento do depósito de combustible.

Ademais, tamén se está a proceder á reposición das cubertas no edificio de Educación Infantil e do seu espazo a resgardo no patio de recreo e, no caso deste inmoble, ao reemprazo das portas interiores e ao pintado das paredes e das estruturas metálicas. Estímase que toda a actuación quedará rematada en tres semanas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre