Inicio Galicia Educación inviste 283.000 euros nas obras da cuberta e a fachada posterior...

Educación inviste 283.000 euros nas obras da cuberta e a fachada posterior do IES Xoán Montes, que se inician hoxe

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiu á acta de replanteo e explicou que os traballos teñen un prazo de execución de tres meses


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da comezo hoxe ás obras de mellora do Instituto de Educación Secundaria (IES) Xoán Montes, en Lugo, nas que inviste 283.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiu hoxe á sinatura da acta de replanteo e sinalou que as obras teñen un prazo de execución de tres meses, se ben o groso dos traballos quedará rematado durante as vacacións escolares para non interferir no normal desenvolvemento da actividade lectiva.

Con esta actuación búscase dotar ao centro dunha maior confortabilidade xa que se arranxan as filtracións da cuberta do edificio, onde se vai colocar nova lousa sobre un novo panel de madeira con illante intermedio con lámina impermeabilizante e se mellorará o illamento xeral do centro.

A actuación abrangue tamén a reparación da fachada posterior e a mellora e reforzo da ventilación do andar baixo e do soto do edificio. A actuación na fachada resolverá algunhas gretas e aproveitarase para pintar, revisar as carpinterías e proceder á limpeza xeral e rehabilitación da escaleira de caracol, un dos elementos singulares desta parte do edificio.

O instituto Xoán Montes é unha das mostras de arquitectura moderna máis destacables de Galicia. De estilo racionalista e obra de Eloy Maquieira, foi concibido inicialmente como Escola de Traballo no 1935 e construído xa na posguerra con algúns cambios sobre a idea inicial, entre eles a cuberta, que se prevía plana e cunha cuberta vexetal para que os alumnos a utilizaran para cultivos.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre