Inicio Galicia Educación impulsa a formación do alumnado en actitudes solidarias a través das...

Educación impulsa a formación do alumnado en actitudes solidarias a través das bibliotecas escolares

0

A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, co que busca formar o alumnado nestas actitudes e no compromiso co seu entorno máis próximo e coa sociedade na que vive. A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, comprende tres accións diferenciadas: a concesión do selo Biblioteca Escolar Solidaria, o Voluntariado na biblioteca escolar para alumnado de Secundaria e o Voluntariado de lectura-A para o de Primaria.

A través da convocatoria deste programa búscase tamén recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas. Estes espazos son, de feito, lugares de convivencia, intercambio de información e construción de coñecemento, polo que unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de axudar a paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais e de acceso ao coñecemento. As accións previstas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias contribúen á realización plena desa función e coinciden, ademais, cos obxectivos do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, no referido a avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva.

Selo O selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento, un distintivo de calidade de traballo solidario. Poden presentar candidatura os centros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos ou ensinanzas de réxime especial. O prazo de presentación correspondente ao curso 2018/2019 rematará o 10 de maio de 2019. Os centros aos que lles foi concedido o selo en 2016 e 2017 deberán renovar a súa solicitude, co fin de ratificarse como merecedores deste distintivo.

Para a concesión do selo valorarase que as bibliotecas propicien especificamente valores de xustiza e solidariedade, procuren de forma destacada a compensación de desigualdades e favorezan o uso dos seus recursos e oportunidades con formación e con fórmulas de aproveitamento axeitadas, mediante un programa específico de medidas estruturais e sistemáticas. O obxectivo é valorar aquelas iniciativas que poñen especial atención en atender as necesidades en materia de lectura e de acceso á información do alumnado e das familias que máis o precisan, por carecer de biblioteca familiar ou estar afastados doutros centros culturais.

Así mesmo, terán que contar cun equipo de colaboradores formado por alumnado do centro, así como coa axuda de familias voluntarias que colaboren na xestión e dinamización da biblioteca escolar.

Voluntariado en secundariaO Voluntariado na biblioteca escolar vai dirixido aos centros de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, centros de ensinanzas de persoas adultas), de titularidade da Consellería, que conten con grupos formalizados de alumnado colaborador. O obxectivo destes grupos é favorecer a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre as mozas e mozos, especialmente no ámbito cultural, tanto a través da colaboración na biblioteca do centro como de actividades de lectura compartida dentro ou fóra del.

A través desta convocatoria o alumnado participante poderá ver recoñecido o seu labor mediante un diploma (no caso dos menores) ou dun certificado de horas de voluntariado na biblioteca escolar (no caso dos maiores de idade). Para obter este recoñecemento os centros deberán estar adheridos ao programa, o que poden solicitar ata o 21 de decembro de 2018.

Voluntariado de lectura-AVoluntariado de lectura-A ten como destinatario o alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario e comparte obxectivos coa acción anterior, nomeadamente o estímulo do voluntariado cultural entre os máis novos. Os centros que desexen unirse á iniciativa poderán solicitalo ata o 21 de decembro de 2018. O alumnado directamente implicado nas actividades programadas polos centros poderán recibir un diploma da súa colaboración como acción de voluntariado cultural.

A acción divídese en tres modalidades. A primeira delas consiste na colaboración coa biblioteca escolar, na que o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento deste espazo no seu centro.

Na segunda modalidade, Ler con… D (Lecturas compartidas dentro do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros, a través de fórmulas como os apadriñamentos lectores, a titorización lectora, ou as lecturas compartidas, entre ou outras.

Por último na terceira modalidade, Ler con… F (Lecturas compartidas fóra do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros nenos e nenas, doutros centros educativos, incluídas as escolas infantís; lectura a anciáns nas residencias de maiores; lectura a enfermos nos hospitais, etc. Así mesmo, poden incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio; así como con alumnado doutros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do seu concello. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre