Inicio Galicia Educación e Fundación Naturgy colaborarán na formación do alumnado de FP en...

Educación e Fundación Naturgy colaborarán na formación do alumnado de FP en gas natural vehicular, rehabilitación enerxética e gas renovable

0

Estudantes do CIFP Politécnico de Santiago serán os primeiros beneficiados do acordo, a través da cesión ao centro de material específico e da colaboración na impartición de formación para o profesorado


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, asinaron hoxe un convenio para impulsar a formación de alumnado de FP nos eidos do gas natural vehicular, a rehabilitación enerxética e o gas renovable. Os primeiros beneficiados deste acordo, xa este curso, serán as 60 alumnas e alumnos do ciclo de grao medio en Electromecánica de Vehículos Automóbiles e do ciclo superior de Automoción, na modalidade Dual, do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. De feito, o convenio asinouse neste centro educativo.

Ao abeiro do acordo a Fundación Naturgy impartirá formación específica para o profesorado deste CIFP da familia profesional de Mantemento de vehículos autopropulsados. Así mesmo, cederá ao centro un simulador/adestrador de instalación de gas natural vehicular nun vehículo convencional e implementará estes contidos no alumnado do devandito ciclo de Dual.

Carmen Pomar destacou que este acordo “vainos permitir poñernos á cabeza no ámbito da utilización do gas natural vehicular, abrindo así unha liña estratéxica para un desenvolvemento empresarial e económico sostible, que respecte o medio ambiente”. A este respecto recordou que o seu departamento está a facer unha aposta moi firme pola Formación Profesional “para fomentar un factor chave no seu éxito colectivo: o capital humano, conscientes de que unha sociedade formada promove o progreso dun país”, unha tarefa que se esta a desenvolver en colaboración coas empresas e atendendo ás demandas dos sectores produtivos e da sociedade.

Neste sentido a conselleira agradeceu a colaboración da Fundación Naturgy “que facilita recursos didácticos aos centros educativos e cursos de formación para o profesorado, para poñer ao seu alcance un coñecemento técnico actualizado relacionado coas novas tecnoloxías do sector”.

Pola súa parte María Eugenia Coronado afirmou que “é moi importante que a formación profesional estea aliñada cos requirimentos do mercado laboral”, e neste caso concreto, destacou a importancia de promover contidos que impliquen un desenvolvemento empresarial e económico sostible. “O sector enerxético está en constante cambio, os avances tecnolóxicos son cada vez máis rápidos e las empresas debemos contribuír a actualizar os contidos curriculares para facilitar a inserción laboral dos mozos”, dixo Coronado.

Formación de alumnado, profesorado e traballadoresA través do convenio asinado hoxe a Fundación Naturgy comprométese tamén co impulso da FP Dual e abre a porta a valorar as posibilidades de poñer en funcionamento un proxecto destas características. Asemade, establécese unha colaboración entre a Consellería e a Fundación para que o alumnado de ciclos formativos poida realizar o módulo de formación en centros de traballo (FCT) nas instalacións de empresas vencelladas con Naturgy.

Así mesmo, ambas partes colaborarán tanto na actualización das competencias do profesorado, para o que se poderán organizar estadías en empresas, cursos ou seminarios; así como nun plan de recoñecemento da experiencia profesional dos traballadores da compañía a través do procedemento de acreditación de competencias que convoca a Consellería.

Por outra banda, traballarase de forma conxunta no desenvolvemento de proxectos de innovación nos centros de ensino, buscando incrementar a calidade e a excelencia na FP; así como na actualización da formación nos ciclos relacionados co sector enerxético e da propulsión de vehículos con gas. Este último punto executarase tanto a nivel de elaboración de currículos, como da prestación do apoio de persoal técnico experto nos centros de ensino e da posibilidade de que o profesorado poda acceder á formación que organice a Fundación Naturgy.

A maiores o convenio contempla a organización dun programa de visitas do alumnado de secundaria á Fundación Naturgy e a Naturgy, co fin de estimular as vocacións profesionais neste eido; a colaboración da compañía na organización da Galiciaskills, e a cooperación no plan de prevención de riscos específicos nos centros de FP.

Tras o acto de sinatura, arredor de 300 estudantes asisten a unha xornada sobre a implantación do gas natural como combustible para vehículos. O programa conta coa participación do técnico da área de desenvolvemento da Estratexia de Cambio Climático da Xunta de Galicia, César Bermúdez, que abordará o impacto ambiental do transporte; e do responsable da formación técnica de SCANIA, Justo Figueroa, que tratará o gas natural vehicular desde un punto de vista técnico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre