Inicio Galicia Educación adxudica por case 600.000 euros a obra de mellora do IES...

Educación adxudica por case 600.000 euros a obra de mellora do IES Lama das Quendas de Chantada

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a previsión é desenvolver os traballos en verán e que estean rematados para o inicio do curso escolar

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na plataforma Contratos de Galicia a adxudicación da rehabilitación enerxética do IES Lama das Quendas, en Chantada, por un importe de 595.497,87 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este era un proxecto no que viña traballando o departamento autonómico de Educación en colaboración co Concello de Chantada e que, na práctica, “suporá unha renovación integral e modernización das instalacións deste centro”.

As actuacións centraranse na mellora da eficiencia enerxética, actuando tanto no interior como no exterior do instituto. Por exemplo, mediante a colocación dun novo illamento na fachada, mediante o sistema SATE. Así mesmo mudaranse as actuais fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substituirán as persianas, que levarán illante térmico interior.

A maiores a obra contempla a mellora puntual da cuberta do polideportivo e a substitución do termo dos vestiarios. Xa no interior, os traballos completaranse coa restauración e pintado das aulas e corredores, en todos os seus parámetros, e a renovación e modernización dos aseos, incluído novo mobiliario, fontanería e saneamento. Tamén está previsto o abrillantado do pavimento de terrazo.

O delegado explicou que segundo as previsións que manexa a Consellería, as obras realizaranse no verán e estarán listas para o inicio do curso escolar. Isto é así porque os traballos teñen un prazo de execución de 2 meses e unha semana. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre