Inicio Galicia Educación adxudica polo procedemento de emerxencia as obras de substitución da cuberta...

Educación adxudica polo procedemento de emerxencia as obras de substitución da cuberta do IES Castro de Baronceli (Verín)

0

O temporal Elsa causou o levantamento total do tellado

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de adxudicar polo procedemento de emerxencia as obras de substitución da cuberta do IES Castro de Baronceli (Verín). Cómpre lembrar que o temporal Elsa causou o levantamento total do tellado.

O pasado venres a Consellería, logo de comprometerse a realizar os traballos máis inmediatos de prevención de entrada de chuvia no centro, convidou a 4 empresas con domicilio social en Ourense á realización destas obras, cun prazo de presentación de propostas que remataba hoxe ás 12 horas. Os traballos foron adxudicados á empresa Vipeca, Obras Y Servicios S.

L., por importe de 252.471 euros, por ter presentado o orzamento máis completo e un menor prazo de execución.

As obras comezarán hoxe mesmo coa retirada de parte dos restos de cuberta exterior e, a partir desta semana, comezarán as tarefas previas de albanelería e acondicionamento dos soportes da cuberta, que permitirán a montaxe da estrutura metálica composta por correas e soportes tubulares de aceiro galvanizado sobre as que se aparafusarán paneis tipo sandwich. A intervención incluirá tamén a instalación dun canlón perimetral e a renovación das baixantes de fachada. Así mesmo, renovaranse os paneis de falso teito afectados polas filtracións de chuvia e substituiranse as luminarias que resultaron danadas pola entrada de auga.

As actuacións iniciaranse pola cuberta da parte sur cunha previsión de finalización do tellado o luns 13 de xaneiro. A continuación proseguirase pola parte norte, onde está situada a Dirección e a sala de profesores, cunha previsión de remate o 27 de xaneiro.

Durante a execución dos traballos a actividade lectiva concentrarase nas aulas de planta baixa para evitar molestias aos estudantes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre