Inicio Galicia Educación adxudica a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, en Lugo, por...

Educación adxudica a construción do novo CEIP Sagrado Corazón, en Lugo, por preto de 4,3 millóns de euros

0

A Consellería que dirixe Carmen Pomar tamén vén de licitar a reparación da cuberta do IES Xoán Montes, da cidade da Muralla

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de adxudicar a obra de construción do novo CEIP Sagrado Corazón, en Lugo, na que investirá preto de 4,3 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, tal como publica hoxe a plataforma de Contratos de Galicia.

Tamén na cidade de Lugo, Contratos de Galicia publica a licitación da reparación da cuberta do IES Xoán Montes por un importe de 321.631 euros e un prazo de tres meses.

CEIP Sagrado CorazónNo caso do CEIP Sagrado Corazón, as obras foron adxudicadas por un importe de 4,269.194 euros e un prazo de execución de 16 meses a partir do inicio das mesmas, condicionado á obtención da licenza municipal solicitada ao Concello de Lugo o 11 de decembro de 2018.

O novo CEIP Sagrado Corazón –que está previsto que entre en servizo no curso 2020/21- será de liña 2 (18 unidades, 450 alumnos) e dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e o seu contorno, asumindo a zona de influencia do CEIP existente e, ademais, aos futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, contémplase a construción de 6 aulas de educación infantil con aseos incorporados cada dúas aulas, 12 aulas de educación primaria, así como de 4 aulas de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música, aula de informática, biblioteca e ximnasio. Ademais disponse zona de administración e servizos comúns, así como un comedor con office para catering. Executaranse tamén os equipamentos deportivos, cunha pista polideportiva cuberta, pista descuberta, patios e espazos libres. En total estímase necesaria unha construción de 3.442,35 m² de superficie construída, ademais da pista cuberta de 1.038,40 m², pista descuberta de 968,00 m², zona cuberta das aulas exteriores de infantil, 134,50 m², e zona descuberta de infantil 168,50 m².

IES Xoán MontesAsí mesmo, a Consellería de Educación vén de licitar a obra de reparación da cuberta e de mellora da ventilación de varias estancias do IES Xoán Montes, por un importe de 321.631 euros e un prazo de tres meses.

Con esta actuación búscase dotar ao centro dunha maior confortabilidade xa que se arranxan as filtracións da cuberta do edificio, onde se vai colocar nova lousa sobre un novo panel de madeira con illante intermedio con lámina impermeabilizante e se mellorará o illamento xeral do centro.

A actuación abrangue tamén a reparación da fachada posterior e a mellora e reforzo da ventilación do andar baixo e do soto do edificio.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre