Inicio Galicia Educación abre o prazo para a participación dos centros nos programas club...

Educación abre o prazo para a participación dos centros nos programas club de ciencia e introdución á robótica en primaria

0
image_gallery.jpg

Trátase de dous programas enmarcados na Estratexia galega para a Educación Dixital (Edudixital 2020) co que se busca estimular o espírito científico do alumnado e impulsar as vocacións STEM


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar a participación dos centros escolares nos programas Club de Ciencia e Introdución á Robótica educativa en Primaria, dúas iniciativas enmarcadas dentro da Estratexia galega para a Educación Dixital (Edudixital 2020) da Xunta de Galicia.

O obxectivo destes dous programas é o de familiarizar os alumnos coas tecnoloxías, a robótica e a programación ao tempo que estimular o seu espírito científico e impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Os centros dispoñen de prazo ata o 9 de outubro para solicitar a participación en ambas iniciativas.

Club de CienciaA Consellería xa ten aberto o prazo da convocatoria para a incorporación de novos centros docentes públicos ao programa de innovación educativa Club de Ciencia durante o presente curso 2020/2021. Os 119 centros que participaron no curso 2019/2020 verán tamén prorrogada a súa continuidade neste programa.

O Club de Ciencia funciona como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación Primaria, Secundaria obrigatoria ou Bacharelato. Un dos docentes actuará como persoa coordinadora do club. As actividades desenvolverase fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente.

Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que finalmente participen no programa. O importe concedido a cada centro facilitará o desenvolvemento de cada proxecto durante o curso 2020/21 e poderase a destinar a fins relacionados coa mellora da realización das diferentes actividades dirixidas ao alumnado participante.

Este é o quinto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con nove centros e que chegou aos 119 centros no pasado curso 2019/2020.

Introdución á robótica en PrimariaTamén está aberto o prazo para que os centros públicos que o desexen soliciten a súa incorporación ao programa de innovación Introdución á robótica educativa en Primaria, co fin de que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. No caso dos centros docentes que participaron neste programa durante o pasado curso 2019/20, un total de 178 centros, a súa pertenza ao programa prorrogarase de xeito automático para o presente curso.

Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado nesta convocatoria (tanto de continuidade como de nova incorporación) recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021. Con esta aportación económica preténdese facilitar o desenvolvemento de cada proxecto durante o curso 2020/21 e poderase a destinar a fins relacionados coa mellora da realización das diferentes actividades dirixidas ao alumnado participante.

O programa vai dirixido ao alumnado dos cursos 4º, 5º ou 6º de educación Primaria, polo que poderán presentar solicitudes os centros que impartan estes cursos. Os centros aos que vai destinado esta convocatoria, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa desta Consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

Cada centro docente de nova incorporación seleccionado para desenvolver o programa recibirá unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto, que estará formada por seis robots de uso educativo, adecuados ás idades do alumnado, seis kits de construción que permitan a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.

En ambas as dúas convocatorias os centros deberán teren conta a previsión dos posibles escenarios que se puidesen dar en función da situación sanitaria (actividade lectiva presencial, semipresencial e/ou posibles períodos de confinamento) para a organización e desenvolvemento adaptado a cada escenario. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre