Inicio Galicia Educación aborda cos sindicatos o protocolo para a reanudación das clases presenciais,...

Educación aborda cos sindicatos o protocolo para a reanudación das clases presenciais, de xeito voluntario, para o alumnado de 2º de Bacharelato e de Formación Profesional

0

O documento amplía e reforza as medidas incluídas nas recomendacións dos ministerios de Educación e Sanidade, para garantir a seguridade de toda a comunidade educativa


O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, presidiu hoxe a xuntanza cos sindicatos do ensino non universitario nunha mesa sectorial convocada para analizar o borrador de resolución da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso, e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da Consellería.

O documento -que será sometido o venres ao Comité de Prevención de Riscos Laborais- recolle especificamente as medidas de prevención e hixiene a implantar ante a reanudación da actividade lectiva presencial de xeito voluntario para o alumnado de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de graos medios e superiores de Formación Profesional, -prevista a partir do vindeiro luns 25 se se confirma a entrada de Galicia en Fase II do Plan de desescalada do Goberno central-, de xeito que o retorno ás aulas se realice con toda a seguridade sanitaria para a comunidade educativa.

Así, debúllanse as medidas de prevención e protección precisas tendo en conta as especificidades do sistema educativo, de xeito que se amplían e reforzan as recomendacións dos ministerios de Sanidad e de Educación y Formación Profesional.

A Consellería de Educación defendeu sempre a posibilidade de retomar as clases presenciais, sempre que a situación sanitaria o permitise, dándolle prioridade ao 2º curso de Bacharelato, cuxo alumnado debe presentarse ás probas de acceso á universidade no mes de xullo. O Goberno central, no seu Plan para a desescalada contempla a volta ás aulas voluntaria deste estudantado e o propio Ministerio de Educación recomendou a reapertura dos centros educativos para os cursos que titulan e pechan etapa, co acordo maioritario das comunidades autónomas.

No caso de Bacharelato (uns 14.800 alumnos de 2º curso en 278 centros), o profesorado impartirá as clases de modo presencial no horario habitual. En caso de que o número de alumnos asistentes non permita manter as distancias de seguridade establecida nun mínimo de 2 metros, e sexa preciso realizar desdobres, requirirase a presenza do profesorado do departamento que ditamine a dirección do centro.

No caso do alumnado de Formación Profesional (con arredor de 22.700 alumnos matriculados en 224 centros que imparten FP), haberá un horario para a atención presencial do alumnado que non accedeu á FCT (Formación en Centros de Traballo) e dos que se atopan no derradeiro curso de FP Dual. Para o alumnado de réxime presencial de adultos, a dirección do centro determinará o profesorado que deberá impartir as clases presenciais en función do alumnado que acuda aos módulos.

Ademais, a actividade presencial da aula para os segundos cursos de Bacharelato e de FP poderá ser retransmitida por medios telemáticos para o alumnado que non acude ao centro.

O profesorado do resto dos cursos que non se incorporan de forma presencial (isto é, para todos agás 2º de Bacharelato e de FP), deberá continuar coa docencia telemática aínda que a atención ao alumnado poderán realizala desde o seu domicilio ou desde o propio centro educativo. Con todo, o centro educativo poderá requirir o seu retorno presencial para atender necesidades específicas, para actividades de avaliación, reunións, sinaturas de actas ou outras actividades de carácter académico ou administrativo.

Dotación de material de protecciónA Consellería de Educación encargarase do aprovisionamento de elementos de sinalización e das máscaras de protección, que deberán usar tanto o profesorado como o alumnado cando non se poidan manter as distancias de seguridade. O resto do material (xel hidroalcohólico, dispensadores, luvas, papeleiras de pedal, impresión de carteis…) adquirirao o centro.

No que atinxe ás medidas de hixiene e limpeza nos centros educativos, vaise facer unha limpeza e desinfección das instalacións polo menos unha vez ao día, reforzándoa naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso; e prestarase especial atención ás zonas uso común e ás superficies de contacto máis frecuente como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, colgadores, e outros elementos de similares características.

Ademais, colocarase un dispensador de xel desinfectante en todas as aulas, cuxo uso deberá reforzarse co lavado exhaustivo a base de auga e xabón. No caso de baños e aseos, a limpeza será de tres veces ao día como mínimo.

Medidas a tomar diante de síntomasO protocolo tamén inclúe a folla de ruta a aplicar ante a aparición de síntomas nun alumno presente nun centro educativo. En caso de que iso sucedese, a primeira medida será illar a persoa nun espazo separado e facilitarlle unha máscara cirúrxica ata que cheguen os seus proxenitores ou titores. O espazo xa debe estar previamente identificado, e ten que contar con ventilación axeitada e unha papeleira de pedal con bolsa onde tirar a máscara e panos desbotables.

No caso dos traballadores do centro, seguirase o mesmo proceso e será o propio afectado o que contacte directamente co seu centro de saúde, co Servizo de Prevención de Riscos laborais ou co teléfono habilitado a tal fin, e seguirá as indicacións que lle marquen os sanitarios.

Recollida de material nos centros e devolución dos libros prestadosDesde o momento en que se levanten as restricións de movemento, coincidente coa entrada en vigor da Fase II de desescalada decretada polo Goberno do Estado, os centros poderán permitir a entrada dos proxenitores para a recollida de material dos seus fillos, cun plan organizativo de quendas e horarios ao fin de evitar agrupacións de persoas.

Os centros tamén establecerán un plan para a devolución e recollida de libros de texto do presente curso 2019-20, aínda que a data máxima para facelo será o día 7 de xullo, agás para o alumnado de ESO que teña algunha materia pendente, que poderá quedar co libro correspondente ata que se examine e, como máximo ata o 7 de setembro.

Oferta de emprego docenteA Mesa Sectorial volverase reunir a vindeira semana para abordar os puntos da orde do día que non puideron analizarse hoxe, como os pasos dados pola Consellería diante do Ministerio de Educación para solicitar o cambio normativo que permita acumular as prazas da oferta de emprego docente de 2020 coa de 2021, tal e como solicitaban os propios sindicatos e que foi acordado na última mesa sectorial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre