Inicio Galicia Dúas exposicións na Vía da Prata unen Ourense e Zamora a través...

Dúas exposicións na Vía da Prata unen Ourense e Zamora a través da cultura xacobea

0

‘De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D. Vía da Prata’ pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade das Burgas ata o 8 de decembro, e amosa en 3D paisaxes e patrimonio desta ruta de peregrinación a Santiago


A Xunta de Galicia está a promocionar o Camiño de Santiago a través da Vía da Prata con dúas exposicións de carácter itinerante De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D. Vía da Prata en Ourense e Via Iacobitana. Os Camiños de Santiago en Galicia en Zamora. A cidade das Burgas acolle a mostra De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D. Vía da Prata, unha selección de fotografías en tres dimensións con pezas de gran formato onde se presentan imaxes do patrimonio, paisaxes e peregrinos que percorren esta ruta ao seu paso por Galicia e que pode visitarse xa no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Andalucía é o punto de partida desta ruta que atravesa a Península de sur a norte, percorrendo Estremadura e Castela e León, entrando en Galicia pola Mezquita. A Vía da Prata é o trazado xacobeo de maior percorrido en terras galegas (atravesa tres das catro provincias) e nela o peregrino pode contemplar un patrimonio natural e etnográfico de excepción: a riqueza da provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla que se presentan ao camiñante cheos de atractivos. Cómpre lembrar que o itinerario desta exposición comezou o pasado mes de setembro en Jerez de la Frontera (Cádiz) e agora recala na cidade de Ourense ata o vindeiro 8 de decembro.

Promoción do Camiño en ZamoraZamora acolle tamén ata o 8 de decembro a exposición Via Iacobitana. Os Camiños de Santiago en Galicia, que recala na Fundación Rei Afonso Henriquez. A mostra, formada por fotografías de Luis Gabú, Tino Viz e Santi López, pon en valor a cultura xacobea e o importante legado do Camiño de Santiago e viaxou no presente ano a Braga (Portugal) e Ávila, conseguindo gran éxito de público.

Trátase dunha escolma de 50 fotografías na que os artistas, transformados en peregrinos, mostran a súa visión e as sensacións persoais que lles suxire cada unha das sendas de peregrinación elixidas. Neste senso, as fotografías expostas en Zamora reflexan os encantos da paisaxe galega, a vivencia dos peregrinos que camiñan ata Santiago e a destacada herdanza cultural que atesora a Ruta Xacobea. Así mesmo, evidencia a multiforme esencia do Camiño, o seu carácter internacional e o sentido hospitalario que os galegos demostran.

Xacobeo 21O calendario de preparación do vindeiro Ano Santo contempla o 2019 como ano dedicado á Vía da Prata. Ao longo deste ano estanse a realizar traballos de acondicionamento, mellora e sinalización, entre outras medidas, o que permitirá que esta ruta chegue nun estado óptimo á celebración do Xacobeo 21.

Neste sentido, a Xunta está a ampliar a rede de albergues públicos neste itinerario apostando pola rehabilitación de edificios de valor histórico e patrimonial e pola posta en valor das diferentes rutas de peregrinación. Así, o Plan de Albergues aprobado no pasado mes de setembro inclúe novas dotacións na Gudiña e Oseira, que se suman ao inaugurado o pasado ano en Ourense.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre