Inicio Galicia Douscentos docentes afondan nas posibilidades dos programas 'Biblioteca Creativa', 'Radio na Biblio'...

Douscentos docentes afondan nas posibilidades dos programas 'Biblioteca Creativa', 'Radio na Biblio' e 'Proxecto LÍA.2'

0

Presentaranse experiencias e boas prácticas arredor das dúas iniciativas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na xornada Comunicación e cidadanía, nas que arredor de 200 docentes responsables do desenvolvemento nos centros de Biblioteca Creativa, Radio na Biblio e Proxecto LÍA.2 afondan sobre as posibilidades destes programas impulsados desde o departamento educativo da Xunta de Galicia.

Na súa intervención a conselleira agradeceu o traballo dos docentes e coordinadores das bibliotecas escolares, “que fai posible ampliar as posibilidades da biblioteca escolar como centro creativo das aprendizaxes, ofrecendo oportunidades para desenvolver e reforzar competencias e habilidades necesarias para o alumnado do século XXI, como o traballo en equipo, o uso e produción dos medios audiovisuais, a expresión en distintas linguaxes, o respecto, a argumentación ou a investigación”. “Grazas a vós, estas bibliotecas están marcando o presente e o futuro do ensino en Galicia”, destacou.

Así mesmo, Carmen Pomar destacou que, “así entendidas, as bibliotecas son inclusivas, e non precisan etiquetas, porque modulan as súas actividades para que dean cabida a todos e a todas, á discapacidade e ás altas capacidades, ao diverso en toda a súa gama de matices, cada quen cos seus ritmos, os seus intereses e as súas necesidades”. En calquera caso, a conselleira sinalou a necesidade de seguir traballando para que todos estes espazos acaden ese grao de inclusión, o que constitúe “un reto importante para todas as bibliotecas”. .

A conselleira rematou agradecendo aos presentes a súa disposición a “aceptar estes retos e implicarvos para facelos realidade”, así como “o voso compromiso indubidable coa formación do alumnado galego, que ten a sorte de contar con docentes coma vós”.

Experiencias e boas prácticasNa xornada, ademais dos relatorios, diferentes centros presentan as súas experiencias arredor do funcionamento da impresión 3D (IES Antón Losada Diéguez, da Estrada; EEI Barrionovo, de Arteixo; CEIP do Foxo, da Estrada; e CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de Rianxo), dos espazos creativos na biblioteca (CEP Xosé María Brea Segade, de Rianxo; e CEIP de Leirado, de Salvaterra de Miño), ou do uso dos recursos audiovisuais (CEIP de Covas, de Meaño).

Ademais, o CPI Suárez Marquier (O Rosal), o CEIP Virxe do Carme (Sober), o CEIP da Pobra de Brollón (A Pobra de Brollón) e o IES Punta Candieira (Cedeira) expoñen as súas boas prácticas no traballo coa radio na biblioteca escolar. O programa complétase, no referido a Radio na Biblio, coa participación dos xornalistas radiofónicos Pablo Portabales, Loreto Silvoso e Luís Pardo.

A xornada rematará coa intervención da directora da biblioteca de creación UBIK do Tabakalera-Centro Internacional de Cultura Contemporánea de Donosti, co relatorio Quedamos na biblio? (ou a incorporación “do comunitario” nas bibliotecas).

Centro creativos de aprendizaxesUn total de 79 centros galegos públicos (25 deles de nova incorporación) desenvolven neste curso 2019/20 o programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación. Cada un dos centros participantes conta con materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots. Trátase de pequenos robots construídos sobre Arduino, a plataforma de robótica máis estendida a nivel educativo e profesional, que conta cunha ampla comunidade de persoas usuarias e desenvolvedoras, o que facilita o acceso a unha importante base de documentación para os proxectos que se realicen nas bibliotecas.

Deste xeito o programa afonda nos obxectivos do Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, en concreto no referido a facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes.

Pola súa banda, 80 centros educativos públicos – 30 deles de nova incorporación- participan este ano en Radio na biblio, aos que se facilitan recursos para a posta en marcha e funcionamento dun laboratorio de radio. A implicación do alumnado no mantemento dunha emisora de radio proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional.

Na xornada participaron tamén representantes dos 20 centros participantes no proxecto piloto LÍA.2, unha iniciativa que explora as posibilidades de evolución da biblioteca escolar baseándose nos conceptos de interdisciplinariedade, cambio metodolóxico, corresponsabilidade e inclusión. Deste xeito, as bibliotecas incluídas no LÍA.2 deben facilitar oportunidades de aprendizaxe diversas, ademais de ser o núcleo principal de formación de hábitos de lectura no conxunto da comunidade educativa. Para iso, fomentarase a abordaxe na biblioteca dos traballos por proxectos e de todas aquelas iniciativas nas que participe o centro – Plan Proxecta, Contratos-Programa, E-Dixgal…–, así como o tratamento dos diferentes formatos (impreso, dixital ou audiovisual) e recursos.

A distribución do espazo e do mobiliario adquire unha importante función na consecución destes obxectivos, tendo en conta que diso depende a posibilidade de desenvolver traballo colaborativo, metodoloxías activas e de constituír espazos maker nos que avanzar con recursos como os robots, que están xa plenamente integrados nas bibliotecas. O proxecto incide, así mesmo, na necesidade de que todo o profesorado do centro colabore na construción da biblioteca e faga uso dos seus recursos, así como na necesidade de que este espazo estea aberto ao conxunto da comunidade escolar. A este respecto faise fincapé nas familias, ás que se pode implicar a través de iniciativas como as Mochilas Viaxeiras ou os clubs de lectura, entre outras; así como na necesidade de acadar bibliotecas inclusivas con materiais e actividades que atendan o alumnado con necesidades específicas de atención educativa.

Os tres programas avanzan nun dos desafíos do Plan LÍA: o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica ou a da programación. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre