Inicio Galicia Doentes do Deza contan cun novo centro de hemodialise extrahospitalaria que evitará...

Doentes do Deza contan cun novo centro de hemodialise extrahospitalaria que evitará uns 20.000 quilómetros de traslado en ambulancia ao mes

0

O novo servizo acollerá os primeiros 24 doentes mañá mesmo

A nova unidade de hemodiálise extrahospitalaria no concello de Lalín comezará a recibir os primeiros 24 doentes mañá mesmo, o que lles evitará realizar uns 20.000 quilómetros de traslado en ambulancia ao mes ata Santiago. Hoxe achegouse a coñecer as instalacións do centro o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, a xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez e a presidenta da Fundación Renal Iñigo Alvarez de Toledo, Isabel Entero, fundación responsable deste centro concertado.

O novo servizo conta con 15 postos de hemodiálise on line e está dotado coa máis moderna tecnoloxía no seu ámbito. Ubicado na rúa da Ponte, ocupa unha superficie de 552 m2 e ten unha importante capacidade de crecemento futuro de ata 60 doentes.

Os 24 primeiros doentes da comarca dezá que evitarán desde mañá o seu desprazamento ata Santiago, disporán dunha unha ampla e luminosa sala de hemodiálise de 150 m2 onde recibirán as 13 sesións mensuais que de media necesita cada doente. Ademais o centro conta cunha sala para doentes que necesiten dializarse illados, sala de espera, vestiarios, consulta médica e de enfermería, así como despacho do grupo de Apoio ao Paciente (psicólogo e traballador social). As novas instalacións teñen tamén unha moderna planta de auga que garante unha diálise online cos máis altos estándares de calidade.

Con esta medida, a xerencia sanitaria compostelá pretende achegar o servizo de hemodiálise aos doentes dos concellos de Agolada, Lalín, Dozón, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, con patoloxía renal que precisan deste tratamento, ao obxecto de acadar unha maior comodidade na súa atención e evitar que teñan que desprazarse varios días á semana fóra da comarca do Deza para recibir tratamento.

Esta nova prestación busca satisfacer as necesidades dos doentes ao facilitar o servizo achegando tanto física como temporalmente o tratamento aos pacientes e ao seu entorno familiar. Tamén se minimizarán os eventuais inconvenientes relacionados cos desprazamentos.

Con esta medida, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de achegar as prestacións sanitarias o máis preto posible dos usuarios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre