Inicio Galicia Diego Freire representa no Salón Teatro a nova versión do seu espectáculo...

Diego Freire representa no Salón Teatro a nova versión do seu espectáculo cómico-musical ?Memorias dun ser humano disperso?

0

É tamén o autor desta proposta de Producións Dispersas, dirixida por José Campanari, da que ofrecerá mañá un pase matinal para escolares e tres funcións xerais ata o domingo na sede do CDG en Santiago

O Salón Teatro de Santiago retoma a súa actividade pública tras a programación especial de Nadal con Producións Dispersas e o seu espectáculo Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0), do que é autor e intérprete Diego Freire. Esta peza cómico-musical poderá verse desde mañá e ata o domingo na sede do Centro Dramático Galego, onde a compañía xa representou esta mesma mañá, nun pase especial para escolares, a montaxe para público infantil e familiar Tódalas marabillas do mundo. Tamén mañá terá lugar unha representación matinal concertada con centros de ensino de Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0), á que seguirán tres funcións xerais nos horarios habituais do Salón Teatro: venres e sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.

José Campanari dirixe este monólogo, que a compañía define como “cabaré absurdo, protagonizado por un personaxe fóra de lugar e un pouco esquizofrénico, que desexa escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar lonxe e diferente onde por fin poderá ser feliz”. A busca deste suposto paraíso é o eixo arredor do que xira esta proposta, na que Freire ofrece múltiples facianas como o showman do cabaré, o clown triste, o bufón, o perdedor, o tolo e o soñador.

Trátase dunha nova versión do espectáculo co que Producións Dispersas botou a andar en 2010, baseando o seu traballo en tres piares: humor, pequeno formato e crítica social, desde unha perspectiva contemporánea. En busca da canción perdida, Falándolle ao espello, O bosque dos prodixios ou a devandita Tódalas marabillas do mundo son outras das propostas que levou a escena durante estes 10 anos de traxectoria.

As entradas para as tres funcións xerais de Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0) xa están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, o venres e o sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre